O Concello presentou o borrador da ordenanza contra a contaminación acústica á Comisión de Seguemento

Xoves, 20 de decembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, presidiu esta mañá a xuntanza cos membros da Comisión de Seguemento da Ordenanza Municipal de Contaminación Acústica durante a que o edil presentoulles o borrador redactado polo Concello de Lugo.

Nesta xuntanza estiveron presentes os representantes de asociacións de veciños de zonas saturadas da cidade e doutros sectores implicados como os hostaleiros, os empresarios, os arquitectos, os técnicos municipais; así como, representantes dos grupos políticos municipais e doutras administracións, como a Consellería de Medioambiente e a Subdelegación do Goberno.

Todos estes colectivos participaron na redacción deste borrador que hoxe lles foi presentado polo Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, para que plantexasen as suxerencias que consideraran oportunas e consensuasen os contidos.

O edil explicou que “esta é unha norma moi técnica e o que estamos a intentar nesta xuntanza é simplificala o máximo que poidamos, pero á vez establecendo os parámetros técnicos necesarios para o correcto regulamento”. Destacou que “a vontade do Concello de Lugo é elaborar unha ordenanza sensible, viva e con vixencia para que se adapte a toda a cidadanía”.

José Rábade engadiu que no borrador desta nova ordenanza introdúcense importantes cambios con respecto a situación actual, sobre todo na filosofía desta normativa, que será unha das máis proteccionistas do Estado español.

O documento analizado na xuntanza foi consensuado con todos os sectores implicados, -como son veciños, empresarios, hostaleiros, arquitectos e outras administracións con competencias no control de ruídos, como son a Subdelegación do Goberno e a Consellería de Medioambiente-, e adáptase á lexislación europea e estatal sobre contaminación acústica, tal e como explicou o edil.

José Rábade engadiu que un dos aspectos máis salientables é que esta norma é máis proteccionista para a cidadanía que a vixente con respecto aos decibelios que se poden transmitir ás vivendas situadas á beira dos locais con música. Concretamente, o borrador da nova ordenanza fixa o número máximo de decibelios cinco puntos por debaixo dos permitidos na normativa actual, que establece o límite en 30 decibelios polo día e 20 pola noite.

O borrador tamén contempla a posibilidade de outorgar licenzas de apertura de establecementos hostaleiros nas rúas nas que se reduza a contaminación acústica e deixen de estar cualificadas como saturadas ou degradadas.

A xuntanza rematou co acordo de establecer o prazo dun mes para a presentación de novas propostas por parte dos distintos sectores implicados, tempo tras o cal os técnicos municipais disporán de quince días para estudalas e incorporalas ao borrador.

O seguinte paso na súa tramitación, será levar a Pleno o documento para a súa aprobación inicial. Posteriormente, será exposto ao público, antes de proceder a súa aprobación definitiva no Pleno do Concello de Lugo.

Noticias relacionadas