O Concello prepara, a través do Foro de Igualdade, os actos conmemorativos do día contra as violencias machistas

Segue aberto o prazo para os certames de deseño gráfico, narrativa e fotografía que convocou a entidade local para loitar pola igualdade real entre mulleres e homes

Luns, 16 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello prepara, a través do Foro de Igualdade, os actos conmemorativos do día contra as violencias machistas

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, informou de que o Foro de Participación Cidadá en materia de igualdade reunido esta mañá no Salón de Plenos abordou a organización dos actos conmemorativos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que xirarán entorno á campaña de sensibilización En Negro contra as Violencias Machistas, á que cada vez se adhiren máis concellos galegos. No marco desta iniciativa, segundo explicou a edil, estanse organizando foros de participación a través da web e a distribución de unidades didácticas nos colexios e institutos “para chegar tamén de maneira directa aos máis novos”. A maiores, o Concello prepara como en ocasións anteriores a lectura dun manifesto reivindicativo e diversas actividades socioculturais.

Entre as propostas formuladas polos grupos políticos da oposición, figura a organización de mesas redondas cos alumnos e alumnas dos institutos en horas lectivas, unha iniciativa que lles será exposta aos centros educativos a partir de mañá mesmo, cando empezan os obradoiros en igualdade que organiza o Concello nos IES. No marco deste compromiso coa sensibilización dos mozos e mozas, tamén se ofrecerán contacontos na biblioteca municipal, para a cal, indicou González Abelleira, o Concello seguirá adquirindo libros que fomentan a educación en igualdade.

A Concelleira lembrou que segue aberto o prazo para os certames de deseño gráfico, narrativa e fotografía que convocou o Concello para loitar pola igualdade real entre mulleres e homes e para difundir a importancia de acabar coa lacra das violencias machistas. Os deseños, fotografías e narracións serán enviadas á Casa da Muller, situada no Parque da Milagrosa, na Avenida da Coruña, 212, ata as 13:00 horas do día 20 e 27 de outubro, e do 1 de decembro, respectivamente. O primeiro premio para os dous primeiros certames é de 600 euros e no de narración, para a categoría de 12 a 14 anos, un premio valorado en 200 euros e no de 15 a 18 anos, de 250.

Por outra banda, a Concelleira de Benestar Social informou de que foi retirado da Universidade o libro Voluntad, de Martín Lopez Corredoira, profesor da Universidade de La Laguna, publicación en contra da que se pronunciou o Foro de Igualdade por incluír un capítulo titulado La Cosa esa de ser Mujer. Na xuntanza do mes de xuño, este ente municipal acordou enviar escritos de denuncia á Secretaría de Estado de Igualdade, ao Observatorio da Violencia de Xénero, á editorial que publicou o libro –Áltera-, e ás universidades de Santiago e La Laguna.

Do Foro de Participación Cidadá en materia de igualdade forman parte representantes de todas as formacións políticas que compoñen a Corporación Municipal, así como representantes sindicais, e asociacións veciñais, empresariais e do ámbito da igualdade.

Noticias relacionadas