O Concello potencia o labor do CEI Nodus, que apoiou 400 proxectos empresariais dende a súa creación, cunha xornada de portas abertas

Dirixida á cidadanía en xeral e ás asociacións, entidades e persoas vinculadas ao mundo do emprendemento e a empresa, terá lugar este venres, de 10:00 a 19:00 horas

Ana Prieto subliña que o CEI é un dos piares das políticas de dinamización económica e creación de emprego do Goberno, que a día de hoxe ten en marcha proxectos neste eido por importe de máis de 2M€ que benefician a 250 persoas

Martes, 25 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello potencia o labor do CEI Nodus, que apoiou 400 proxectos empresariais dende a súa creación, cunha xornada de portas abertas

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, anunciou que este venres terá lugar unha xornada de portas abertas no Centro de Emprendemento e Innovación do Concello, o CEI Nodus, co fin de darlle un pulo á visibilización da “intensa intensa e ampla actividade do centro en favor do crecemento e a diversificación da economía de Lugo e da creación de emprego, dando a coñecer dende as propias instalacións, como o traballo que desenvolve tanto o CEI, en materia de asesoramento, formación e difusión, como os emprendedores e emprendedoras, e empresas que funcionan alí”, explicou a edil.

Así mesmo, a iniciativa pretende fomentar sinerxias do CEI co tecido social, asociativo, educativo e económico de Lugo para fortalecer e aumentar a competitividade do empresariado; darlle un pulo á zona da cidade na que se asenta, Garabolos, que cada vez gaña máis actividade e servizos, e supón tamén un novo exercizo de transparencia do Goberno, ao amosar e explicar á cidadanía como e a que destina o Concello os recursos públicos.

A xornada está dirixida á cidadanía en xeral e, en particular, ás asociacións e entidades vinculadas ao mundo do emprendemento e a empresa: asociacións de empresarios e empresarias, comercio, hostalería e centros formativos, entre outros. Celebrarase entre as 10:00 e as 19:00 horas, e incluirá unha visita guiada, de 10:15 a 10:45.

Ana Prieto confía en que a xornada teña boa acollida e “poder promovela cando menos unha vez ao ano” para potenciar a actividade dun centro moi dinámico cunha elevada actividade, que, de feito, a día de hoxe, está ao 100% da ocupación dos 27 espazos para empresas, emprendedores e asociacións dos que dispón, entre o viveiro de empresas, obradoiros, laboratorios, semilleiro e Aula Coworking. Ademais, xestiona o viveiro a pé de rúa impulsado polo Goberno na Tinería co fin de dinamizar social e economicamente o barrio.

Dende a súa posta en marcha, no ano 2004, prestou asesoramento a 3.000 proxectos empresariais, dos que fructificaron 400, que deron emprego a medio milleiro de persoas. A porcentaxe de supervivencia das empresas está no 80%. Unhas 5.000 persoas participaron nas actividades de formación, difusión e asesoramento.

Ana Prieto subliñou que o CEI Nodus é un dos piares das políticas de emprego do Concello, ás que o Goberno destina 3M€ no Orzamento deste ano. A día de hoxe, ten proxectos en marcha por valor de 2M€ que benefician a 250 persoas, entre os programas Empregalia, Inicia Coworking, o viveiro de empresas do CEI e da Tinería, os obradoiros de emprego e o plan Mellora Lugo. Así mesmo, no marco do seu continuo traballo por atraer investimentos, presentou candidatura a fondos europeos co plan EmPodérate, dirixido a colectivos en risco de exclusión social, cun orzamento de2M€ e 300 beneficiarios.

Noticias relacionadas