O Concello poñerá á disposición da Xunta antes do verán os 10.000m2 necesarios para a construción dun colexio no Sagrado Corazón

A Xunta de Goberno aprobará mañá a expropiación definitiva das dúas parcelas que restaban, de 1.269m2, que se suman aos 8.760m2 adquiridos mediante convenios urbanísticos

Martes, 10 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Antes do verán, o Concello poñerá á disposición da Xunta de Galicia os 10.000 metros cadrados necesarios para a construción dun novo colexio no barrio do Sagrado Corazón. Así o anunciou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen asegurou que a Xunta de Goberno aprobará na reunión deste mércores a expropiación definitiva de dúas parcelas, que suman 1.269m2, para completar a adquisición dos 10.000 metros cadrados necesarios para a súa cesión á Xunta co fin de que constrúa neles un centro de educación infantil e primaria no Sagrado Corazón.

Neste senso, o edil lembrou a sinatura da Alcaldesa cos propietarios de 7 convenios urbanísticos para a cesión doutras tantas parcelas, 6 delas o pasado 18 de xaneiro e a restante o 27 de xaneiro, que suman 8.760 metros cadrados, así como a aprobación inicial da expropiación destas dúas últimas parcelas acordada en Xunta de Goberno o 20 de xaneiro. “Deste xeito, o Concello adquire a totalidade dos terreos que son necesarios para dotar á zona sureste da cidade dun novo centro educativo, tan demandando polos veciños e veciñas”, asegurou Piñeiro.

Tras esta aprobación definitiva da expropiación, o Concello notificarallo ás partes, que terán 20 días para a aceptación ou rexeitamento da valoración. No caso de rexeitala, enviarase a documentación ao Xurado de Expropiación de Galicia. Ao mesmo tempo que transcorren os 20 días, o Concello pode continuar co procedemento comunicándolles ás partes a data e a documentación para concorrer ao pago, e unha vez realizado, firmarase a acta de ocupación e pago e poranse a disposición da Xunta. 

Audio

  • Daniel Piñeiro, sobre a expropiación das dúas parcelas que faltaban|Descargar mp3

Noticias relacionadas