O Concello pon a proba un novo modelo de colector de lixo fabricado por empresas galegas

Venres, 14 de marzo de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo, a través da súa Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente, está a realizar probas co primeiro colector de lixo de carga lateral fabricado en Galicia.

O novo colector, que está instalado na avenida de Magoi, ten varias vantaxes. Aínda que ocupa un espazo semellante ós actuais a súa capacidade é superior, xa que ten capacidade para 3.200 litros, mentres que o 90% dos que están en servizo teñen unha capacidade de 2.400 litros.

Ademais, é máis baixo que os actualmente instalados e a tapa dispón dun sistema que axuda á apertura, o que facilita depositar o lixo.

En canto a cuestións estéticas, o deseño deste modelo de colector foi premiado en 2013 polos A Design Awards, premios de deseño industrial a nivel mundial.

A nivel técnico, este colector de carga lateral é compatible con distintos tipos de camións, incluíndo todos os do actual servizo de recollida da cidade. Tamén destacan a súa flexibilidade e robustez, que aumenta a súa duración.

O modelo chámase Big Bin, da empresa Formato Verde, e o seu deseño é resultado da cooperación de ata 8 empresas galegas (unha delas situada na provincia de Lugo, Electromecánicos Viveiro), que participan no desenvolvemento e subministro das diversas pezas que o compoñen.

Encanto á ensamblaxe, éste é un labor do que se ocupan discapacitados físicos de Fundosa Servicios Industriales (a rama industrial da Fundación Once).

Multimedia

Noticias relacionadas