O Concello pon en marcha un Programa de Compostaxe no que poderán participar un cento de veciños e que contará coa colaboración de Sogama

Xoves, 26 de decembro de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello quere promover o aproveitamento dos residuos orgánicos para a producción de abono

O Alcalde, José López Orozco, e o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, acompañados polo Presidente de Sogama, Luis Lamas, presentaron hoxe unha campaña para fomentar a compostaxe de residuos orgánicos en Lugo.

Trátase dunha iniciativa que pon en marcha o Concello contando coa colaboración de Sogama e que ten por obxecto difundir e promover a transformación en compost dos residuos orgánicos.

O Alcalde destacou que o Goberno local considerou interesante desenvolver este Programa tendo en conta que Lugo é un concello no que conviven harmoniosamente o urbano e o rural e explicou que se trata de fomentar, dun xeito máis científico, unha práctica que estivo xeneralizada na zona rural como é o aproveitamento da materia orgánica para producir abono.

López Orozco destacou que o programa de compostaxe desenvolverase fundamentalmente nas parroquias e agradeceu o apoio de Sogama a esta campaña.

Pola súa parte, Luis Lamas salientou que Lugo é a primeira cidade que se anima a colaborar con Sogama nun programa que tamén se desenvolve en medio cento de concellos galegos e destacou que o 40% do lixo que se produce é orgánico, polo que a producción de compost contribúe a retirar estes residuos da cadea do lixo, co conseguinte aforro económico.

O Concello pon en marcha a campaña tendo en conta que cada día é máis necesario ser coidadosos co medio ambiente, diminuir a cantidade de lixo que producimos, reciclar e reutilizar, por economía e por deixar ás futuras xeneracións un planeta o máis semellante posibe ó que recibimos dos nosos antepasados.

Por este motivo, ponse en marcha un programa de compostaxe no que participarán cen veciños entre os que se distribuirán outros tantos composteiros, a metade deles cedidos por Sogama, e tamén bolsas para a recollida selectiva de lixo. Ademais facilitaráselles información de cómo aproveitar os residuos orgánicos que xeneran para a producción de compost co que abonar as súas hortas.

Os participantes na campaña recibirán os composteiros e tamén se comprometen a asistir a unha xornada de formación. O plan de formación completarase coa entrega dun manual de compostaxe doméstica e recollida selectiva e cun seguemento técnico para comprobar que poñen en práctica correctamente as recomendacións para a elaboración do compost que lles servirá de abono.

O Concello porá en marcha este programa cunha duración de cinco meses, contando o tempo de inscrición e selección dos participantes,.

As persoas interesadas en participar neste programa deberán apuntarse a partir de xaneiro, ben no rexistro municipal ou a través da web do Concello www.lugo.es.

Durante un mes farase a selección dos participantes que, lóxicamente, deberán ter unha hortiña ou terra na que instalar o composteiro e no que sacar proveito do compost que produzan e prevese que o período de formación dos participantes comece no mes de febreiro.

Multimedia

Noticias relacionadas