O Concello pon en marcha os preparativos para comezar a rehabilitación do Vello Cárcere que se converterá nun Centro Cultural

Xoves, 09 de febreiro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro socialista e concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, informou hoxe do comezo da mudanza de servizos instalados na actualidade no edificio do Vello Cárcere. Este mes comezarán as obras da primeira fase do proxecto para rehabilitar o Vello Cárcere. O edificio, ocupado na actualidade pola Policía Local e Protección Civil, transformarase nun Centro cultural, financiado polo Plan Urban.

Álvarez explicou que xa empezaron os traballos de mudanza de materiais de Protección Civil ó novo edificio de San Fiz, no que compartirán a súa sede este servizo e a Policía Local. O traslado lévase a cabo para liberar espazos no edificio do Vello Cárcere onde están a punto de comezar as obras da primeira fase do proxecto de rehabilitación deste emblemático inmoble que pasará a ser un novo Centro Cultural.

Por este motivo tamén se están a trasladar a unha nave de Frigsa materiais da Brigada de Tráfico, como valas, bolardos ou conos; e tamén foi preciso liberar as dependencias que ocupaba o servizo de Arqueoloxía, neste caso as pezas son trasladadas provisionalmente ó CEI e á Casa da Xuventude.

A primeira fase das obras do Vello Cárcere foi adxudicada á UTE Galdiano-ZUT en 2.318.000 euros, o que supuxo un aforro de 1.361.000 euros sobre o prezo de licitación. As obras desta primeira fase inclúen o patio do Vello Cárcere que se vai transformar nunha zona para exposicións e eventos, as antigas celdas de homes que se ubicaban no espazo circular que dá o patio, e as celdas de mulleres que están nun módulo tralas celosías que dan ó patio central. Tamén se inclúe o módulo traseiro, que se destinará a estudo e exposición dos restos arqueolóxicos da cidade.

O proxecto para transformar o edificio do Vello Cárcere nun Centro Cultural forma parte do Plan Urban, que cofinancian a Unión Europea, o Concello e a Deputación provincial. As obras levaranse a cabo dacordo co proxecto gañador do concurso convocado polo Concello e que redactou o estudo Creus e Carrasco.

O voceiro socialista fixo estas declaracións na rolda de prensa na que informou dos acordos da XGL que aprobou hoxe as bases para a convocatoria de oposicións para cubrir unha praza de arquitecto e outra de arquitecto técnico.

www.lugo.es/urban

 

Multimedia

Noticias relacionadas