O Concello pide a admisión a trámite do recurso de casación contra a sentenza que anula parte da ordenanza do galego

Avanzouno a Concelleira de Cultura, que secundou, xunto con outros membros do Goberno e da Corporación, a manifestación convocada diante do consistorio pola plataforma Queremos Galego en defensa da lingua galega

Mércores, 16 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello pide a admisión a trámite do recurso de casación contra a sentenza que anula parte da ordenanza do galego

Cumprindo co seu compromiso, o Concello de Lugo tramita o recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a sentenza ditada polo TSXG que anula parte da Ordenanza Reguladora do Uso do Galego na Administración Local de Lugo, unha norma aprobada por unanimidade da Corporación no ano 2012. En concreto, e tal e como establece o procedemento, o Concello vén de pedir a admisión a trámite comunicando a intención de interpoñer o recurso ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nun escrito, que, á súa vez, o TSXG lle remitirá ao Supremo.

Así o avanzou esta mañá a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, na manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego diante do consistorio en defensa da lingua galega, acto no que tamén participaron outros membros do Goberno e da Corporación. “Defendemos a ordenanza que entre todos os grupos apoiamos no seu día porque entendemos que a Administración local é o lugar dende o que debemos seguir potenciando o uso do noso idioma”, subliñou Basadre.

O Concello alega “incongruencia omisiva” e “falta de motivación” nalgúns aspectos da sentenza do alto tribunal galego, así como que “algúns pronunciamentos” da mesma “infrinxen o disposto nunha serie de preceptos estatais e de dereito comunitario que garanten a protección especial do galego, en canto lingua cooficial, nas súas múltiples manifestacións en cada un dos preceptos anulados, así como o dereito dos cidadáns ao uso das linguas cooficiais”, e tamén contraveñen a “xurisprudencia existente no uso das linguas”. Argumenta así mesmo que o fallo “aséntase maioritariamente nunha idea de exclusión do castelán que non está presente na súa recta interpretación” na norma municipal.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o recurso de casación contra a sentenza que anula parte da ordenanza do galego |Descargar mp3

Noticias relacionadas