O Concello permitirá ampliacións nos edificios de titularidade privada catalogados polo PXOM

Mércores, 14 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os voceiros dos tres partidos políticos con representación municipal celebraron hoxe a última reunión para consensuar posturas con relación ao informe da Consellería de Cultura sobre o novo Plan Xeral.

O Concelleiro de Urbanismo e voceiro do Partido Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, explicou que acordaron non establecer un listado de edificios catalogados, senón perfilar un sistema de protección por zonas.

Indicou que a aposta dos tres voceiros son os edificios de estilo racionalista e tamén modernistas, “sen pararse a detallar os números das casas senón as zonas”. Ademais, indicou que a intención é manter os estilos constructivos das zonas, como a do parque, onde o característico son as vivendas unifamiliares e así se debe manter.

Gómez Besteiro indicou tamén que a catalogación do edificio non impedirá a súa ampliación cando se estime necesario e sexa posible, “para adaptarse ao contorno e sempre que se manteñan no novo edificio as características do anterior”.

Polo tanto, o Concelleiro indicou que cada edificio terá unha ficha co tipo de actuacións que se permitirán no mesmo.

O Concelleiro indicou que en datas próximas visitará ao Director de Patrimonio, Felipe Arias, para expoñerle as conclusións ás que se chegaron nestas reunións e que poden darse como decisións finais e consensuadas.

Así, aceptarase as declaracións de BICs e engadirase o ámbito de protección tamén As Termas romanas. Admítese a catalogación de edificios privados, pero nesta segunda opción baixo os criterios establecidos nestas reunións. Así mesmo, comunicará a decisión de establecer unha marxe de protección do Camiño de Santiago de 30 metros e non de cen como solicitaban, “acollémonos á mesma protección que ten o Camiño de Santiago na rúa ruta por Sarria”.

O Concelleiro indicou que o informe enviado por Cultura “foi tomado como unha serie de suxestións, que agradecemos, pero non toleramos que se impoñan porque o noso deber é defender a autonomía municipal”, dixo.

Noticias relacionadas