O Concello pecha 2017 con 6,4M€ de superávit, que poderá destinar a investimentos ao ter débeda financeira cero

A liquidación orzamentaria, aprobada hoxe, permitirá ao Goberno dispoñer de fondos para acometer proxectos como a peonalización da praza da Milagrosa e de Quiroga Ballesteros, a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña e o acondicionamento dos aparcamentos disuasorios e do parking do HULA

Luns, 30 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, informou da aprobación este luns mediante decreto da liquidación do orzamento do 2017, que certifica, subliñou a edil, a confección realista das contas, pois a execución dos ingresos foi un 14% superior que os gastos, e o superávit elévase a 6,4M€, importe que o Concello poderá destinar na súa totalidade a investimentos ao contar con débeda financeira cero.

Este trámite contable ten ademais moita importancia, porque, tal e como xa informou a Alcaldesa, Lara Méndez, permitirá a incorporación de remanentes necesaria e dispoñer así de consignación económica para acometer destacadas actuacións que mellorarán a calidade de vida dos veciños e veciñas, como a peonalización da praza da Milagrosa e da rúa Quiroga Ballesteros, a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña, ou o acondicionamento dos aparcamentos disuasorios e do parking do HULA. Estes proxectos estaban incluídos na modificación de crédito aprobada de maneira definitiva en setembro do ano pasado en Pleno, despois das alegacións presentadas de maneira interposta por Ciudadanos. As partidas correspondentes a estas obras que non foron executadas no 2017 engadiranse agora ao Orzamento do 2018 a través da devandita incorporación de remanentes.

A liquidación do 2017 pon de manifesto tamén que o Concello cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria, coa regra de gasto e co disposto no Plan Económico Financeiro que tivo que presentar para aprobar os orzamentos deste 2018. O nivel de execución global do orzamento 2017, prorrogado do 2016, foi superior ao 75%, porcentaxe que se eleva ao 83% si se toman como referencia as actuacións adxudicadas ao final do exercizo.

Noticias relacionadas