O Concello ornamenta as prazas e rúas do centro e dos barrios de Lugo con máis de 30.000 plantas en flor de 18 variedades distintas

Os traballos de axardinamento deron comezo esta semana e se ampliarán a un total de 26 contornas urbanas, 12 máis que en anos anteriores.

Entre as especies escollidas figuran begonias, petunias, dahlias ou celosías, coas que o Executivo de Lara Méndez tinguirá de cor a capital esta primavera.

Xoves, 02 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello ornamenta as prazas e rúas do centro e dos barrios de Lugo con máis de 30.000 plantas en flor de 18 variedades distintas

A Concellería de Medio Ambiente ornamenta estes días as zonas verdes de toda a cidade con máis de 30.000 plantas en flor.

18 variedades, entre as que destacan begonias, petunias, dahlias ou celosías, que tinguirán de cor ademais dos xardíns da capital outros espazos públicos como prazas e mesmo rúas.

En total, este ano, a área que dirixe Miguel Fernández estenderá a campaña de primavera a un total de 26 localizacións, 12 máis que en anos anteriores, “co obxectivo – segundo sinalou o propio edil - de mellorar a estética de Lugo no seu conxunto e crear contornas vistosas que conviden ao desfrute destes emprazamentos tanto por parte da veciñanza como dos e das turistas que nos visiten”.

Os traballos, que teñen un tempo moi limitado para poder executarse debido aos condicionantes que impón a plantación, comezaron esta semana no Centro Histórico pero tamén nos barrios como pode ser o da Piringalla ata onde se achegaron a rexedora, Lara Méndez e o tenente de alcaldesa para comprobar como se están desenvolvendo.

Méndez explicou que “neste 2022 no que volvemos a saír as rúas xa sen restricións sanitarias e sen imitacións temporais, quixemos ser máis ambiciosos e ampliar a decoración floral e paisaxística daqueles puntos da capital que contan con espazos de esparexemento ou zonas comúns ás que a pandemia outorgou un valor engadido como lugares de socialización. Dende o Concello queremos coidalos, queremos que sexan atractivos e agradables a todos os sentidos e por iso estamos a realizar un esforzo que contribúa a equiparar as prestacións municipais en toda a cidade”, referiu a rexedora lucense.

Así, a renovación da decoración vexetal chegará por primeira vez ás prazas de Bretaña, Milagrosa, San Xoan, Agro do Rolo, Manuel María - Túnel do Oural e Fonte dos Ranchos; aos xardíns de San Roque, ás avenidas de Madrid e de Adolfo Suárez, á Ponte de Paradai, á Rolda Xosé Castiñeira e ás medianas da rúa Illa de Man.

Multimedia

  • O Concello ornamenta as prazas e rúas do centro e dos barrios de Lugo con máis de 30.000 plantas en flor de 18 variedades distintas

Noticias relacionadas