O Concello organizará un concurso de fotografía e vídeo durante o San Froilán, para recompilar de agora en diante o que son estes festexos

Carmen Basadre deu conta desta novidade tras a terceira reunión da Comisión de Festas. A seguinte xuntanza terá lugar o 19 de agsoto, onde se porán enriba da mesa as propostas de pregoeiro e oferente a Rosalía

Venres, 29 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello organizará un concurso de fotografía e vídeo durante o San Froilán, para recompilar de agora en diante o que son estes festexos

A Comisión de Festas do San Froilán 2016 reuniuse de novo este venres, por terceira vez, para continuar avanzando nos preparativos destas festas patronais, que na pasada edición deixaron en Lugo preto 11,5 millóns de euros. Tal e como anunciou logo da reunión a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, este ano, como novidade, levarase a cabo un concurso de fotografía e vídeo durante estas festas, “co obxectivo de recompilar o que é o San Froilán de agora en diante”. Ademais, manterase por terceiro ano consecutivo, o concurso de polbeiros e polbeiras no Mercado Municipal.

Nesta xuntanza, Basadre tamén deu conta de que está aberto o prazo para presentar ofertas para a instalación de atraccións no San Froilán os vindeiros 4 anos así como para as casetas e caldeiros de polbo ata o ano 2019. Ademais, o Concello ten aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar na feira de gastronomía e artesanía Gastroarte, que este ano se muda á rúa Puro Cora, e para a contratación mediante lotes de aluguer de stands a instalación de postos de venda na Avenida Rodríguez Mourelo, Praza Maior, Avenida Doutor García Portela e rúa Puro Cora. Neste senso, a edil, quen animou a presentar as solicitudes no Rexistro Xeral do Concello, avanzou que está a piques de licitarse a producción, o alumeado ornamental e a pirotecnia.

A seguinte xuntanza da Comisión de Festas terá lugar o 19 de agosto, onde se porán enriba da mesa as propostas de pregoeiro e oferente a Rosalía de Castro.

Documento

  • Bases do I Concurso de Fotografía e Vídeo do San Froilán | Descargar pdf
</