O Concello organiza xogos interactivos, puzzles e concursos na Praza Maior para celebrar o Día Europeo das Linguas

Estas actividades, dirixidas principalmente aos máis cativos, terán lugar este venres e sábado, 25 e 26 de setembro, en horario de 16:30 a 20:30 horas o venres, e de 11:00 a 14:00 horas, o sábado

Xoves, 24 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Cartel Día das Linguas

O Concello de Lugo organiza xogos interactivos, puzzles e concursos na Praza Maior este venres e sábado, 25 e 26 de setembro, para celebrar o Día Europeo das Linguas. Así o avanzou este xoves a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen fixo fincapé na importancia que ten a aprendizaxe de idiomas no intercambio cultural, na procura de emprego e na integración laboral.

“O Concello organiza un ano máis estas actividades gratuítas para que os lucenses, e especialmente os máis cativos, sexan conscientes da importancia do coñecemento de idiomas como nexo de unión entre persoas de diferentes culturas e como vía de acceso a un mellor emprego”, destacou a edil.

“Queremos concienciar á poboación infantil do valor do plurilingüismo”, subliñou Prieto, ao tempo que anunciou o horario destas actividades, que terán lugar dende as 16:30 a 20:30 horas o venres, e de 11:00 a 14:00 horas o sábado.

As actividades, baixo o título  Xogamos coas linguas, xirarán en torno á realización de 3 talleres participativos. O primeiro deles é un concurso en inglés denominado Cres que sabes moito sobre outros idiomas?, que porá a proba os coñecementos dos participantes sobre as linguas europeas. O segundo dos talleres é EuropaGO!, un laberinto do que soamente se pode saír ao responder correctamente unha serie de preguntas sobre os idiomas europeos. O terceiro é o taller Onde se fala cada lingua?, onde os nenos e nenas terán que montar un puzzle de Europa, para posteriormente situar nel os idiomas oficiais de cada país. Á par deste talleres, haberá tamén un mural para descubrir novos idiomas así como un obradoiro de elaboración de insignias, combinando delas as distintas linguas europeas.

Ademais destas actividades, o Concello instalará unha mesa informativa sobre aspectos institucionais da Unión Europea e sobre o significado e as motivación do Día Europeo das Linguas. 

240915 Ana-Prieto-Día-das-Linguas.mp3

 

Noticias relacionadas