O Concello organiza o concurso de vídeo Olladas do San Froilán, dotado cun premio de 1.500 euros

O certame está aberto á participación de todas as persoas interesadas maiores de 18 anos. Os traballos poderán presentarse do 12 ao 30 de outubro

Martes, 03 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, informou de que o Concello organiza o concurso de vídeo Olladas do San Froilán. Este certame busca difundir estes festexos a través das pezas audiovisuais de libre creación que aporten as particulares miradas das persoas participantes e que recollan calquera dos variados aspectos que caracterizan as festas do San Froilán.

O tema principal que deben recoller os traballos presentados as patronais, en calquera dos variados aspectos que os caracterizan, polo que poderán achegarse obras que fagan difusión da vertente gastronómica, artística ou cultural das festas. Tamén as que poñan en valor os aspectos positivos da mestura entre nacionalidades, etnias ou culturas, así como as que revelen a auténticas vivencia do San Froilán tradicional.

Este concurso, que conta cun premio dotado con 1.500 euros, está aberto á participación de todas as persoas interesadas, tanto profesionais como afeccionadas, que sexan maiores de 18 anos. Os traballos poderán presentarse do 12 ao 30 de outubro, tendo que enviar os vídeos por correo electrónico ao enderezo cultura@concellodelugo.org.

As persoas que desexen participar poden consultar as bases na web municipal www.lugo.gal

Noticias relacionadas