O Concello organiza cinco obradoiros gratuítos sobre técnicas para mellorar a busca de emprego

Celebraranse do 14 ao 17 de xuño no Espazo Lab. As persoas interesadas poden inscribirse dende hoxe ata o sábado entregando o formulario no Rexistro municipal

Luns, 06 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, informou de que o Centro de Información Europea Europe Direct-Lugo organiza cinco obradoiros gratuítos sobre técnicas que axudan a mellorar a busca de emprego. Os talleres desenvolveranse no Espazo Lab a vindeira semana, do 14 ao 17 de xuño, co gallo da V Semana Europea do Emprego.

Estas actividades comezan o martes 14 de xuño co obradoiro As regras de ouro para preparar un curriculum vitae atractivo, das 9:30 ás 13:30 horas. O mércores 15 terá lugar o curso Practicando o aprendido: O meu curriculum vitae, das 9:30 ás 13:30 horas. Para o xoves 16 está previsto o obradoiro Marca persoal e busca de emprego a través das redes sociais, das 9:30 ás 13:30 horas, e outro sobre A Rede Eures, o portal de busca de emprego en Europa, das 12:30 ás 13:30 horas. A programación rematará o venres 17 co obradoiro Como afrontar con éxito unha entrevista de traballo, das 9:30 ás 13:30 horas.

As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de solicitude a través do formulario de inscrición, que haberá que entregar no Rexistro Xeral do Concello. O prazo abre hoxe e remata o día 11. Os interesados en obter máis información poden chamar ao teléfono 982.29.74.73, ou acudir ao Espazo Lab, o Centro de Formación e Orientación Laboral do Concello de Lugo.

Audio

Documentos

Noticias relacionadas