O Concello organiza actividades a prol dunha mobilidade e medios de transporte máis sostibles

As actividades, conmemorativas da Semana Europea da Mobilidade, terán lugar este domingo para facilitar a participación veciñal, xa que é fundamental a concienciación da cidadanía

O Goberno Local con estas e outras actuacións aposta por humanizar a cidade, facéndoa máis habitable e cómoda para todos os veciños e veciñas

Xoves, 24 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo organiza diferentes actividades para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade, coas que se pretende concienciar a cidadanía da importancia dunha mobilidade e medios de transporte máis sostibles e respectuosos co medio ambiente. Neste sentido, o Goberno Local aposta pola implantación de actuacións para humanizar a cidade, facéndoa máis habitable e cómoda para a cidadanía.

O domingo 27 de setembro os autobuses urbanos serán gratuítos para todos os pasaxeiros durante todo o día, unha medida coa que se trata de contribuír a fomentar o uso do transporte público colectivo. Tamén estarán restrinxidos os accesos ao casco histórico, entre as 10:00 e as 18:00 horas, agás para os residentes, usuarios de aparcadoiros e servizos públicos.

 Ademais ese mesmo día celebrarase o Día da Bicicleta con saída ás 12:00 horas dende a Praza Maior. As persoas participantes teñen que concentrarse ás 11:30 horas diante da Casa do Concello e é obrigatorio o uso do casco. 

O percorrido continuará pola Praza Maior por diante do Colexio Franciscanos; Bispo Aguirre por diante do Círculo das Artes; Zona peonil da Ronda da Muralla en dirección á Rúa Vilalba; Rúa Vilalba; Avenida de Ramón Ferreiro; Xiro á esquerda fronte á Rúa Pintor Corredoira, realizando un cambio de sentido e volvendo pola Avenida de Ramón Ferreiro; Rúa Anxo López Pérez; Ronda da Muralla, concentración e parada de reagrupamento fronte á Mosqueira; Ronda da Muralla; Avenida da Coruña; Parque da Milagrosa, accedendo ao mesmo pola porta principal da Avenida da Coruña; Atravesarase o parque circulando polo seu interior ata chegar fronte á Piscina Municipal, onde se fará concentración e parada de reagrupamento fronte á mesma; Rúa Monte Faro; Avenida Duquesa de Lugo; e finalizando no aparcamento do Centro Comercial As Termas. 

As persoas que queiran inscribirse deben facelo ata o sábado 26 de setembro no punto de información do Centro Comercial das Termas, o que lles dará dereito a participar nun sorteo de agasallos ao remate do paseo en bicicleta. En todo caso, non é necesario formalizar a inscrición para tomar parte nesta actividade.

Audio

Noticias relacionadas