O Concello ofrece un verán cheo de actividades de animación sociocultural, dende xogos nos centros de convivencia a excursións á praia

Ana Abelleira presentou a programación, que inclúe tanto actividades infantís como abertas a toda a poboación

A programación tamén contempla actividade física ao aire libre, tanto no Parque Rosalía de Castro como en Augas Férreas, e un obradoiro de reparación de biclicletas no Mercado Municipal

Este xoves, dende as 19:30 horas, no centro de convivencia de Fingoi haberá unha representación teatral, como colofón ao curso de teatro de adultos que acolleron estas instalacións municipais. A entrada é libre

Luns, 03 de xuño de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello ofrece un verán cheo de actividades de animación sociocultural, dende xogos nos centros de convivencia a excursións á praia

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión en funcións, Ana Abelleira, presentou este luns, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a programación de animación sociocultural, que inclúe tanto actividades infantís como abertas a toda a poboación, e que organiza o Concello para este verán. A entidade local trata de ofrecer alternativas lúdicas e de lecer saudable, ao tempo que se axuda á conciliación da vida familiar e laboral dos e das luguesas.

Para este xullo e agosto, o Concello ten preparados diferentes xogos e propostas lúdico-educativas para nenas e nenos de entre 3 e 11 anos, nos centros de convivencia Uxío Novoneyra, Fingoi, María Balteira, Lamas de Prado, Milagrosa e Maruja Mallo; que poden trasladarse ao exterior, tales como xogos cooperativos, traballos manuais, psicomotricidade, educacación ambiental e xogos musicais, entre outros. A inscrición debe realizarse entre os días 10 e 13 de xuño, no propio centro no que se queira realizar a actividade, agás no centro da Milagrosa, no que tamén se cursarán as inscricións correspondentes ao María Balteira. Hai dispoñibles entre 12 e 25 prazas por quincena, en función do centro. A adxudicación de prazas realizarase mediante un sorteo, que terá lugar o día 14 de xuño.

No aire libre, e dirixida a toda a poboación, a programación inclúe actividade física, que terá lugar os luns e mércores, no Parque de Rosalía de Castro, e os martes e xoves na Praza de Augas Férreas, das 11:00 ás 12:00 horas. Para estas alternativas gratuítas, non é precisa inscrición previa.

Por segundo ano consecutivo, a programación inclúe un obradoiro de reparación de bicicletas, que acollerá o Mercado Municipal os martes do mes de xullo, das 17:00 ás 18:30 horas. Tampouco é precisa inscrición.

Excursións á praia

No que se refire ás excursión de verán, o Concello organiza 4 saídas a Muros, Burela, Tapia de Casariego e Sada, os días 17 de xullo, 31 de xullo, 7 de agosto e 21 de agostos, respectivamente. As persoas interesadas poden inscribirse entre os días 24 e 28 de xuño, en horario de 10:00 a 13:00 horas no centro de convivencia de Lamas de Prado. A saída para estas viaxes será ás 09:00 horas, dende a Praza de Bretaña, e o regreso ás 21:00 horas nese mesmo punto. O prezo a aboar mantense un verán máis, 4,12 euros.

Teatro

Este xoves, 6 de xuño, no centro de convivencia de Fingoi haberá unha representación teatral, como colofón ao curso de teatro de adultos que acolleron estas instalacións municipais. Baixo o nome de 4 pezas curtas, de María Isabel Fernández Díaz, a partir as 19:30 horas, as persoas que se queiran achegar a esta actividade, de acceso gratuíto, poderán gozar con A consulta do doutor Varela, Non entende quen non quere, Vacacións ecoloxistas e Catro parvas.

Máis info

Audio

  • A edil Ana Abelleira, sobre as actividades "Verán 2019"  | Descargar mp3

Noticias relacionadas