O Concello ofrece, por primeira vez, prácticas no estranxeiro a titulados en FP de grao medio

O programa Lucus Mundi facilitará a 45 persoas a posibilidade de facer prácticas en Portugal, Irlanda, Reino Unido, Italia e Austria

O Concello lidera este proxecto que se executará a través dun consorcio do que forman parte, tamén, os IES Muralla Romana e Sanxillao e a Escola de Arte Superior e Deseño Ramón Falcón

Venres, 10 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello pon en marcha este ano un novo programa europeo para que mozos e mozas de Lugo poidan completar a súa formación no estranxeiro.

O proxecto Lucus Mundi ofrecerá a posibilidade de facer prácticas en países da Unión Europea a 45 mozos e mozas titulados en formación profesional de grao medio ou que dispoñan de certificados de profesionalidade.

É a primeira vez que se beneficiará este colectivo dun programa de ampliación da súa formación coa realización de prácticas no estranxeiro xa que ata agora foron titulados universitarios ou de formación profesional grao superior os beneficiarios das distintas edicións do proxecto Lugoquálitas, tamén cofinanciado polo Concello e a Unión Europea.

A Concellería de Educación, Formación e Orientación Laboral, que dirixe Esther Muñoz, está a desenvolver esta primeira edición do proxecto Lucus Mundi, pertencente ó programa Erasmus + , que conta con financiamento da Unión Europea e do Concello de Lugo.

O Concello lidera este proxecto que se executará a través dun consorcio do que forman parte, tamén, os IES Muralla Romana e Sanxillao e a Escola de Arte Superior e Deseño Ramón Falcón.

A Concellería de Educación ten previsto celebrar nas próximas semanas unha reunión de traballo para o desenvolvemento deste programa no que se ofrecerá ós alumnos participantes a posibilidade de completar a súa formación a través da realización de prácticas en empresas de Portugal, Irlanda, Reino Unido, Italia e Austria.

A Xunta de compras do Concello aprobou hoxe a contratación da coordinación e xestión de 45 mobilidades ó abeiro do proxecto Lucus Mundi, cun presuposto de 20.691 euros.

Noticias relacionadas