O Concello ofrece o xoves unhas xornadas de portas abertas nas escolas infantís para familias de novo ingreso

As solicitudes de praza poden presentarse ata o 2 de abril no Rexistro Xeral

Luns, 19 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo, a través da Concellaría de Educación, que dirixe Manuel Nuñez, organizou para este xoves, día 22, unhas xornadas de portas abertas nas catro escolas infantís municipais -Serra de Outes, Gregorio Sanz, Luis Soto Menor e María Wonenburguer-, unha iniciativa dirixida ás familias que desexen solicitar praza de novo ingreso en calquera dos centros. A visita poderá efectuarse entre as 17:00 e as 19:00 horas.

As persoas interesadas coñecerán deste xeito as instalacións destas dependencias municipais, que, por segundo ano, tamén estarán a disposición dos usuarios no mes de agosto co fin de mellorar a conciliación da vida laboral e familiar no período estival.

O prazo de matrícula para o curso 2017/2018 nas catro escolas municipais estará aberto ata o día 2 de abril. As solicitudes deben presentarse debidamente cumprimentadas no Rexistro Xeral do Concello. En total, as garderías ofrecen 238 prazas para nenos de 0 a 3 anos, das que se reservarán 21 en cada escola para nenos e nenas matriculadas no curso actual e 3 de emerxencia social en cada unha delas.

Deste xeito, o Concello oferta 37 prazas de novo ingreso nas escolas Serra de Outes, Gregorio Sanz e Luis Soto Menor, 7 prazas de 3 meses a 1 ano, 4 de un a dous anos e 26 de 2 a 3 anos. Por outra banda, a escola María Wonenburguer ofertará 31 prazas de novo ingreso, 7 para cativos de 3 meses a 1 ano, 4 para nenos de 1 a 2 anos, e 20 de 2 a 3 anos.

As escolas infantís Serra de Outes, Gregorio Sanz e Luis Soto Menor contan cada unha delas con 61 prazas, distribuídas en catro aulas: unha de 0 a 1 anos, con 8 prazas, outra de 1 a 2 anos, con 13, e dúas para nenos de 2 a 3 anos, con 20 cada unha. No caso da escola María Wonenburger, dispón de 55 prazas, repartidas nunha aula de 0 a 1 anos con 8 prazas, outra de 1 a 2 anos, con 13, e dúas de 2 a 3 anos, con 17 prazas cada unha.

Noticias relacionadas