O Concello ofrece este domingo unha alternativa para público familiar, que fomenta ademais o uso do galego: A danza da choiva

Será a partir das 18:30 horas no Gustavo Freire. O importe das entradas é de 5 euros para os adultos e de 2,50 euros para os nenos e nenas. Pódense mercar a través de www.entradaslugo.es, na Oficina Municipal de Turismo e no propio auditorio dende unha hora e media antes da actuación

Mércores, 07 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello ofrece este domingo unha alternativa para público familiar, que fomenta ademais o uso do galego: A danza da choiva

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, ten preparada para este domingo a actuación A danza da choiva, de Elefante Elegante, gañadora do premio María Casares 2017 ao Mellor Espectáculo Infantil. Será a partir das 18:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire. O importe das entradas é de 5 euros para os adultos e de 2,50 euros para os nenos e nenas e pódense mercar a través da web www.entradaslugo.es, na Oficina Municipal de Turismo e no propio auditorio dende unha hora e media antes da actuación.

Danza da choiva trátase dun espectáculo sen palabras onde conviven o teatro xestual, a danza, a manipulación de obxectos e os títeres. Trata un tema tan serio como a falta de choiva, a través dunha posta en escena poética e visual. Os seus efectos cómicos, plásticos e oníricos advirten e divirten ao público familiar e infantil a partir de 3 anos.

María Torres e Gonzalo Guerrero son os autores e intérpretes que, con linguaxe xestual e visutal conducen a dramatuxia sen necesidade de texo, procurando a emoción e a posterior reflexión.

Esta actuación enmárcase dentro da programación de Circo e Teatro para Público Familiar, posta en marcha polo Concello en colaboración coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e do programa APEGO, para o fomento da lingua galega entre os pequenos e pequenas. Trátase de ofrecer un espazo de lecer onde poidan gozar os nenos e nenas cos seus pais e nais. Ofrecerá outras tres sesións, os segundos domingos de cada mes ata xuño:

  • 8 de abril: El Apartamento, de Cirk about it
  • 13 de maio: BBcircus, de Asacocirco
  • 10 de xuño: O Secuestro da Bibliotecaria, a cargo de Sarabela Teatro

Multimedia

  • O Concello ofrece este domingo unha alternativa para público familiar, que fomenta ademais o uso do galego: A danza da choiva

Noticias relacionadas