O Concello oferta unha comisión de servizos para a cobertura provisoria da dirección da Banda Municipal de Música

As persoas interesadas nesta comisión de servizos, e que cumpran os requisitos, poden manifestar o seu interese mediante escrito, dirixido á Concellería de Cultura, no Rexistro Xeral, antes do 18 de setembro

Venres, 31 de agosto de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, vén de ofertar a cobertura inmediata da praza de director ou directora da Banda de Música do Concello de Lugo, de forma provisoria, mediante unha comisión de servizos, ao fin de impulsar actividades da mesma. Deste xeito, o Goberno de Lugo, que manifestou reiteradamente o apoio a esta agrupación; avanza no seu compromiso en materia de persoal, nesta ocasión garantindo a continuidade dunha banda que atesoura uns 150 anos de historia.

Este posto é unha praza do grupo A1, Funcionario/a de Administración Especial Técnico Superior, complemento de destino 29, e un complemento específico de 12.980 euros. O ou a profesional, ademais de cumprir os requisitos, debe contar con experiencia nos ámbitos que abarcan as actividades da Banda de Música Municipal.

As persoas interesadas nesta comisión de servizos, e que cumpran os requisitos, poden manifestar a súa disposición mediante escrito, dirixido á Concellería de Cultura, no Rexistro Xeral do Concello, antes do 18 de setembro.

Neste escrito deben figurar os datos de contacto da persoa interesada, así como un curriculum no que se detallen os méritos profesionais e a experiencia profesional vinculada á dirección de bandas de música, á dirección de escolas de música e conservatorios e á docencia musical. Tamén a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos do posto. O Concello de Lugo poderá solicitar, cando así o considere, a ampliación da información facilitada polas persoas interesadas na comisión de servizos ofertada.

Pola súa banda, as persoas interesadas poderán solicitar información dirixíndose, mediante correo electrónico, á Dirección Xeral de Recursos Humanos: dxrecursoshumanos@concellodelugo.org.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a Banda Municipal de Música | Descargar mp3

Noticias relacionadas