O Concello oferta máis de 2.000 prazas para a nova programación de animación sociocultural que acollerán os 7 centros de convivencia

González Abelleira avanzou este xoves as diferentes actividades que se desenvolverán dende o 26 de outubro ao 31 de maio

Todos os interesados poden inscribirse dende o 21 ao 25 de setembro, de 09:00 a 13:00 horas, no centro de convivencia no que desexen practicar algunha das actividades propostas

Xoves, 10 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión Social, Ana María González Abelleira

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión Social, Ana María González Abelleira, presentou este xoves no Salón de Plenos a nova programación de animación sociocultural dirixida a persoas adultas e a nenos e nenas que o Concello de Lugo organiza a partir de outubro. O Concello oferta máis de 2.000 prazas para participar en 124 obradoiros, que se desenvolverán dende o 26 de outubro ata o 31 de maio nos 7 centros de convivencia municipais. Grazas a estes talleres, os lucenses poderán familiarizarse coa tradición do encaixe de palillos, con labores de gancho, coa cestería, ou o tear tradicional, entre outros. Ademais poderán practicar pilates, bioximnasia bailes de salón e latinos ou ioga. Os participantes tamén terán a oportunidade de aprender a manexar as novas tecnoloxías ou técnicas de pintura ao óleo. A programación de animación sociocultural ademais de ditos obradoiros, inclúe tamén cursos de castelán para persoas estranxeiras e aulas abertas. Os telecentros e as escolas rurais terán tamén o seu programa de actividades.

“Coa organización destas actividades pretendemos ofrecer unha alternativa máis aos veciños e veciñas de Lugo que queiran optar polo ocio saudable e a aprendizaxe de novas habilidades sociais para ocupar o seu tempo de lecer, poñendo á súa disposición a rede municipal de centros de convivencia municipal e de centros sociais. É vontade deste goberno seguir apostando polo benestar social”, destacou González Abelleira.

A Concelleira amosou a súa satisfacción polo éxito que ano tras ano acadan estas actividades, que axudan á socialización de gran número de veciños e veciñas. “Estas actividades xa están marcadas no calendario dos lucenses. De feito, hai moitos veciños e veciñas qeu xa levan tempo preguntando cales son as actividades deste ano. Son obradoiros moi agardadados”, subliñou a edil.

Máis de 2.000 prazas e 7 centros de convivencia

A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Inclusión Social oferta 124 obradoiros e máis de 2.000 prazas para estas actividades, máis dun cento para nenos e nenas e o resto para persoas adultas. Esta programación engloba en total máis de 5.700 horas de lecer. O centro de convivencia Maruja Mallo ofrece 434 prazas, seguido do de Fingoi, con 377 e o da Milagrosa, con 344. O resto de prazas divídese entres os centros Uxío Novoneyra (310), Lamas de Prado (276), María Balteira (241) e Sagrado Corazón (90).

Inscrición

Todos os interesados en participar nalgún dos obradoiros poden inscribirse dende o día 21 ao 25 de setembro, de 09:00 a 13:00 horas, no centro de convivencia no que desexen practicar algunha das actividades propostas polo Concello. O sorteo de prazas terá lugar o 7 de outubro. Posteriormente, publicarase a lista de admitidos e admitidas e abrirase o período de pagamento de cota, dende o 8 ao 14 de outubro. As listas definitivas publicarase o 20 de outubro. O período de inscrición para as aulas abertas e os cursos de castelán para persoas estranxeiras será o 9 e 10 de novembro e do 16 ao 20 de novembro, respectivamente.

O custe das actividades vai dende obradoiros gratuítos ata unha cota de 20 euros anual.

Máis información na web www.lugo.gal ou no teléfono de atención cidadá 010.

Audio

  • Declaracións da Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión Social, Ana María González Abelleira|Descargar mp3

Máis info

  • Programación de animación sociocultural | Descargar

Noticias relacionadas