O Concello non gañou un euro co polígono das Gándaras e pídelle á Xunta que non faga negocio con el

Xoves, 24 de febreiro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Neste momento de dificultades económicas, o solo nas Gándaras é o quinto máis caro de Galicia

O Concello de Lugo non gañou nin un euro coa operación de compra venda dos terreos das Gándaras e pídelle á Xunta que non faga negocio con eles nun momento no que as empresas necesitan dispor de solo asequible.

O Concello non só non é responsable da carestía do solo nas Gándaras senón que puxo á disposición da Xunta de Galicia 1.413.722 metros cadrados polo mesmo prezo que lle custou ese solo a todos os lucenses.

Lugo pagoulle 14.166.484 de euros ó Ministerio de Defensa por eses terreos e esa foi a mesma cantidade que ingresou nas arcas municipais procedente da Xunta de Galicia, que lle pagou os terreos ó Concello en catro anualidades.

O Concello recorda que os lucenses pagaron a Defensa 10,02 euros o metro cadrado e o mesmo diñeiro foi o que ingresou o Concello da Xunta de Galicia. É dicir, o Concello de Lugo non fixo negocio e tampouco pretendía facelo porque o importante é atraer á cidade empresas que poidan xenerar postos de traballo e riqueza.

No seu momento, o Concello mesmo ofrecera a posibilidade de permutar eses terreos e foi a Xunta quen o rechazou.

O quinto máis caro

Por este motivo, para o Concello resultaría incomprensible que na actual situación económica a Xunta non acceda a reducir os prezos de venda actuais, unha media de 107 euros o metro cadrado, que fan das Gándaras o quinto parque empresarial máis caro de Galicia.

A previsión da Xunta é que o investimento total para a urbanización dos 2.135.512 metros cadrados do parque empresarial sexa de 36 millóns de euros, como dixo en distintas ocasións o Voceiro municipal do PP.

O Concello de Lugo agarda que a Xunta de Galicia sexa sensible ás necesidades de emprego que ten a cidade e confía en que teña en conta que nesta situación económica as empresas dificilmente escollerán para implantarse o novo polígono das Gándaras.

Para o Goberno local non teñen sentido os bailes de cifras cando o realmente importante é saber se a Xunta aposta pola implantación de empresas que creen emprego en Lugo ou non.

Hoxe mesmo a Asociación de Jóvenes Empresarios adheriuse á demanda que fai o Concello e puxo de manifesto a necesidade de abaratar o prezo do solo empresarial nun almorzo de traballo ó que asistiron o Alcalde, o Presidente da Deputación e a Concelleira de Economía e Emprego.

Os lucenses foron xenerosos na posta a disposición de terreos para o novo parque empresarial como tamén o foron ó cederlle á Xunta 166.000 metros cadrados para a construción do novo Hospital Lucus Augusti, onde o Sergas respondeu á xenerosidade dos lucenses coa explotación por unha empresa privada do parking no lugar de facilitarlles ós usuarios prazas da aparcamento gratuítas.

Noticias relacionadas