O Concello multiplicou por cinco o investimento na Zona Rural nestes últimos oito anos

Mércores, 07 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O equipo de goberno aumentou nestes oito anos o orzamento destinado á zona rural un 470%, é dicir, multiplicouno casi por cinco. Así o explicou esta mañá o Concelleiro de Economía e Zona Rural, Francisco Fernández Liñares.

O edil indicou que as diferentes características e cambios producidos na sociedade da zona rural lucense fixeron necesario un cambio de orientación na política a seguir así como un aumento do investimento.

Liñares indicou que mentres no 1999 manexouse un orzamento total de 50.071.000 euros, para o 2007 están destinados preto de 92 millóns, o que supón un crecemento 84%. No capítulo de investimento o crecemento foi máis espectacular, pasando de 525.000 euros no 99 aos 2.985.000 actuais.

O Concelleiro explicou que este aumento tan espectacular seguirá neste proceso unha vez que existe o compromiso de rematar o saneamento da zona rural antes do 2015.

No apartado de investimento o Concelleiro comentou que se están a realizar actualmente os proxectos de alumeado rural. Os máis importantes son en tres zonas As Regas de Carballido, con 51 puntos de luz e 52.187 euros; O Pondelo de Carballido, con 30 puntos e 26.973 euros, e As Regas de Muxa, con 7.058 euros para oito puntos de luz.

Segundo explicou, trátase de tres zonas que carecían de alumeado público xa que se trata de edificacións de nova creación.

Así mesmo, destínanse 60.000 euros para máis de 50 puntos de luz que estarán espallados por todas as parroquias do Concello e que veñen a solucionar o que se chaman “puntos escuros”.

O Concelleiro explicou que outra faceta importante do investimento realizado en Lugo está na recuparación ou contrución de novas infraestruturas, en especial lavadoiros e fontes. Insistiu en que actualmente se está traballando neste particular en Vilachá de Mera, Vilachá de Labio, Soñar ou Santa María Alta, entre outras.

A intención é recuperar estes edificios para poñelos en valor, tanto para o seu aproveitamento como para mellorar o aspecto estético da zona rural “de cara á súa explotación turística”, explicou.

Dentro desta faceta de recuperación de edificacions, o Concelleiro lembrou o traballo que se está realizando en catro escolas rurais, que se están acondicionando para sevir de centros sociais. Actualmente en funcionamento está o de Coeses (que conta tamén cun telecentro) e as obras están rematadas en Santa María de Bóveda, mentres que os traballos están en marcha en Calde e San Xoán do Campo.

Fernández Liñares indicou que as necesidades na zona rural son moi diferentes agora que fai dez anos, “razón pola que este tipo de actuacións son apropiadas agora e non noutros momentos”, dixo.

“Do mesmo xeito -engadiu-, as actuacións foron feitas e realizadas sempre con independencia da intención de voto, algo que tamén mudou con respecto a épocas anteriores”.

Noutro orde de cousas, o Concelleiro explicou que a reparación de camiños ocupa unha parte importante do orzamento municipal. Unha brigada actúa de forma continuada en todo o terreo municipal e actualmente están asfaltando camiños en Soñar, San Pedro de Mera, Pedreda e Santa María Alta.

Francisco Fernández Liñares fixo referencia finalmente ao aspecto máis importante da actuación, que é a realización do saneamento en toda a zona rural. Están rematados e remitidos á Xunta os proxectos para as parroquias de Casas Novas (Piugos), Camiño de Liñares, Bosende e Piugos. Así mesmo, o Concello está preparando os proxectos tamén para Adai, Tirimol, Orbazai e Meilán. “Por temas orzamentarios non poderán estar todos listos este ano, polo que dous deles deberán ir no próximo exercizo”, explicou.

Noticias relacionadas