O Concello mellora a zona infantil de Catasol

Daniel Piñeiro supervisou estas actuacións, que contan cun orzamento duns 31.000 euros e consisten na instalación de pavimento antideslizante, na dotación de céspede e no acondicionamento dos xogos e do valo perimetral do parque

Luns, 08 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, supervisou as obras de mellora que o Concello está a acometer no parque infantil situado na rúa Doutor Balanza, en Catasol, ante a situación de deterioro na que se atopaba. As actuacións, que contan cun orzamento duns 31.000 euros, consisten na instalación de pavimento antideslizante destinado a amortiguar as caídas dos máis cativos e na dotación de céspede artificial, así como no acondicionamento dos elementos de xogo infantil e do valo perimetral do parque e a instalación dun cartel informativo.

Durante a visita, Piñeiro subliñou que “esta intervención enmárcase dentro da aposta do Goberno por manter en boas condicións os espazos públicos dos barrios da cidade, porque isto contribúe ao ornato e sobre todo á mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas”.

A mellora deste parque infantil, que responde a demandas veciñais, súmase a outras actuacións que está a acometer o Concello nos diferentes barrios da cidade, como a instalación de 10 bancos no Sagrado Corazón.

Audio

  • Daniel Piñeiro, sobre a mellora da zona infantil de Catasol | Descargar mp3

Noticias relacionadas