O Concello mellora as dependencias do Fogar do Transeúnte, con 2.000 usuarios ao ano

Os traballos, cun orzamento de 22.500 euros, consistiron no arranxo dos solos, portas e ventás das instalacións

No primeiro semestre do ano atendéronse 3.379 persoas nos 6 centros de convivencia municipais. O perfil das persoas usuarias é o dunha muller de entre 30 e 64 anos que vive na zona urbana 

Luns, 27 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ana González Abelleira, Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, durante a súa visita ao Fogar do Transeúnte

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, visitou este luns o Fogar do Transeúnte, instalacións que o Concello vén de renovar para garantir o aloxamento e a alimentación das persoas en desventaxa social. González Abelleira subliñou que con estas actuacións, “o Concello reafirma a súa aposta clara e decidida polas políticas de Benestar Social, neste caso coa finalidade de dignificar o Fogar do Transeúnte e de ofrecerlle unha maior calidade de vida aos seus usuarios, unha media de 2.000 ao ano”. Neste senso, a Concelleira adiantou que “tan só no primeiro semestre do 2015, o servizo de entrega de menús suministrou a 29 familias menús para levar a casa”. 

“O Concello de Lugo é o primeiro concello de Galicia en investimento social e o cuarto de España, destinando un 18% do orzamento a actuacións de protección e promoción social”, destacou a Concelleira.

A edil puxo en valor o “gran labor” que realizan os 7 traballadores do centro, ofrecendo a persoas sen fogar e sen recursos non soamente servizos de aloxamento e manutención senón tamén cariño e acollida; ao tempo que lembrou que a entidade municipal inviste aproximadamente 120.000 euros ao ano nestas instalacións.

O Fogar do Transeúnte ofrece almorzos, comidas, cenas e cama. O centro, que se ubica na rúa Deputación, dispón de 22 prazas para dormir, e 40 prazas para comer, se ben ás veces fanse turnos no caso de necesidade.

As melloras acometidas

As obras, cun orzamento de 22.500 euros, consistiron na mellora de solos, portas e ventás das dependencias. En concreto, colocáronse losetas vinílicas en dormitorios, comedor e sala de estar; un zócalo cerámico no vestíbulo de entrada e nos laterais das portas da cociña e do comedor, e repintáronse os teitos da cociña, aseo, corredores, vestíbulo, comedor, habitacións, almacén e sala de estar. Tamén se acometeu o esmaltado das portas, a reparación das ventás da fachada sur, a colocación de espellos nos aseos e a mellora en medidas de seguridade e de saúde.

Atención primaria

Durante a visita, a edil deu conta dos datos de servizos sociais do Concello de Lugo durante o primeiro semestre de 2015. Nos primeiros seis meses atendéronse 3.379 persoas nos seis centros de convivencia municipais, sendo o 65,67% mulleres e o 33,56 homes. O perfil das persoas usuarias segue a ser unha muller de entre 30 e 64 anos que vive na zona urbana e con insuficiencia de recursos. “O Goberno local vai seguir traballando para que os nosos veciños teñan os servizos básicos cubertos”, destacou a edil.

As atencións realizadas céntranse en emerxencia social, axuda no fogar, centros de día, comida no fogar, axudas vivenda, erradicación do chabolismo, absentismo escolar ou axudas a inmigrantes, entre outros.

A primeira causa de demanda ou problemática segue a ser a insuficiencia de recursos, que representa o 35,64% dos casos. O groso das intervenciósn seguen a ser as referidas a emerxencia social, axudas á dependencia, servizo de atención no fogar e RISGA, que, no caso destas últimas, no primeiro semestre do 2014 supuxeron o 19,99% das intervencións e no do 2015, representa o 24,22%.

Audio

  • Declaracións da Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, durante a súa visita ao Fogar do Transeúnte| Descargar mp3
  • Declaracións da Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, sobre o servizo de Atención primaria | Descargar mp3

Noticias relacionadas