O Concello logra que a Xunta asuma cofinanciar as obras de mantemento do Cuartel de San Fernando

O Alcalde, José López Orozco, amosou hoxe a súa satisfacción porque a Xunta aceptou por escrito colaborar economicamente nas obras de mantemento do Cuartel de San Fernando

Venres, 08 de maio de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
José López Orozco

“A presión funcionou e a Xunta asume por escrito aportar a metade do custo das obras”, coas que se trata de evitar que continúe o deterioro dun inmoble declarado Ben de Interese Cultural e que está chamado a albergar o Centro da Romanización ”, manifestou o Alcalde.

López Orozco explicou que vén de recibir un escrito do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, no que informa ó Alcalde de que o proxecto redactado por Evislusa para executar as obras mínimas de mantemento no Cuartel de San Fernando foi informado favorablemente polos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Tamén anunciou o Alcalde que “nós seguiremos exercendo presión co fin de que se faga o Museo e dirixireime ó Presidente da Xunta e ó Conselleiro para que se inclúa nos Orzamentos da Xunta para 2016 algunha partida económica e un calendario para executar a obra do Centro da Romanización segundo o proxecto que foi elixido no seu día a través dun concurso de ideas”.

López Orozco deu conta de que, no escrito, o Conselleiro anuncia que cofinanciarán o 50% do orzamento, cifrado en 180.000 euros.

O escrito sinala que, neste momento, estase a tramitar na Consellería o convenio de colaboración e o Alcalde explicou que unha vez que o remitan ó Concello terán que estudalo os servizos técnicos municipais como paso previo á súa aprobación pola Xunta de Goberno Local.

Audio

Noticias relacionadas