O Concello loce aos taekwondonistas da escola lucense

A Alcaldesa presidiu a recepción aos deportistas Nuria García e Alejandro Fernández polo seu recente éxito no Campionato de España de Poomsa e Adulto 2018

Xoves, 19 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello loce aos taekwondonistas da escola lucense

O Salón de Plenos do Concello serviu este xoves para homenaxear o traballo de base e os resultados da Escola Lucense de Taekwondo, formada por máis de 130 deportistas, un dos clubs con máis deportistas federados nesta disciplina da provincia. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, presidiu a recepción aos deportistas Nuria García e Alejandro Fernández, polo seu recente éxito no Campionato de España de Poomsa e Adulto 2018, onde lograron unha medalla de bronce e outra de ouro, participando co equipo da Selección Galega de Taekwondo. No acto tamén estiveron presentes outros membros da Corporación Municipal, así como equipo técnico da escola, compañeiros e compañeiras deportistas e familiares de García e Fernández.

Ao longo da recepción, Méndez felicitou á escola en nome da cidade. "Para Lugo é un orgullo estas dúas medallas, e tamén o é que deportistas como Nuria e Alejandro vaian promocionando a nosa cidade en todos os lugares onde compiten, situándoa no pódium nun campionato nacional", subliñou; ao tempo que destacou o bo facer da escola e o esforzo que supón apoiar a tantos deportes que se practican en Lugo, maioritarios e minoritarios, de base e de elite, que se ve máis que recompensado polos deportistas en distintas probas e con grandes logros.

Para rematar a rexedora presumiu da canteira deportiva de Lugo, que chega ao máis alto nivel de España, incluso sendo promesas a nivel internacional.

Nuria García competiu con 19 participantes de toda España e Alejandro Fernández con 20, participando por primeira vez nun campionato de España Cadete Adulto. Nuria consigue puntuar por segunda vez no Ranking Nacional e Alejandro afianza a súa posición como firme aspirante a formar parte do equipo nacional que representará a España no vindeiro campionato do mundo  en China Taipei. Como club, todo o equipo de técnica quedaron Campións  galegos escolares no 2017, sumando ás súas dúas medallas as conseguidas polo resto do equipo. Ademais, co resultado conseguido polos deportistas da escola no pasado Campionato de España de Técnica, contribuiron a que Galicia se proclamara por primeira vez na historia Campioa de España por Equipos.
 
Traxectoria da e do medallista

  • Alejandro Fernández Franco (Monforte - 9/06/2005) » Campión de España. Comezou a súa andadura no Taekwondo no ano 2009 con catro anos. Pertence á escola lucense dende o ano 2016. Durante todo o tempo tivo unha gran progresión deportiva conseguindo gañar o Campionato Escolar Autonómico, Campionato Galego Cadete Adulto, Campionato de España Alevín, Campionato de España Cadete Adulto, Campionato Internacional de Lille (Francia) y Subcampionato do Open Internacional de España, entre outros logros. Actualmente é Líder do Ranking Nacional Cadete e polo cal a Federación Española formará equipo para participar no vindeiro mundial de técnica que se celebrará en China Taipei en novembro de 2018.
  • Nuria García Hernández (Lugo - 26/06/2004) » 3ª Clasificada no Campionato de España. Comezou a practicar Taekwondo no ano 2013 á idade de 9 anos na Escola Lucense. Entre os seus resultados máis relevantes están dous Campionatos Escolares Autonómicos, dúas Copas Xunta de Galicia Autonómicas, dous Campionatos Galegos Cadete Adulto, dúas medallas de Bronce en Campionatos de España de Clubes, un Bronce no Open de Madrid e un Bronce no recente Campionato de España de Técnica Cadete Adulto. Actualmente mantense na 3ª posición do Ranking Nacional Cadete sen participar en todos os eventos do circuíto nacional.

Noticias relacionadas