O Concello lidera o proxecto Descubrindo o Camiño Primitivo, para difundir o patrimonio deste Ben Mundial ao redor do Xacobeo 2021

Forman parte desta iniciativa os concellos de Castroverde, Baleira e a Fonsagrada, ademais de distintas asociacións sen ánimos de lugro e grupos de estudo e investigación. Con el, concerrán a unha axuda da Xunta de Galicia de 49.000 euros

Descubrindo o Camiño Primitivo inclúe a celebración dun congreso internacional, o deseño dunha plataforma dixital e intervencións creativas de arte urbano no tecido degradado da contorna deste Ben Mundial

Mércores, 13 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno vén de aprobar solicitar unha axuda para desenvolver o proxecto Descubrindo o Camiño Primitivo, liderado polo Concello de Lugo xunto cos concellos de Castroverde, Baleira e a Fonsagrada, ao amparo dunha subvención a proxectos novos de dinamización do Xacobeo 2021, dentro do programa O Teu Xacobeo.

En concreto, solicítase unha axuda á Xunta de Galicia por importe total de 49.000 euros para a execución de Descubrindo o Camiño Primitivo, no que tamén participan as asociacións sen ánimo de lucro ONCE, COGAMI, Auxilia, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo, Asociación cultural Promoción de Arte Urbanas, o Centro de Estudos da Cidade e os grupos de investigación GI-1907 IACOBUS E GI-2162 Atalaia, da Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo  da iniciativa é desenvolver un programa de actividades que teñen como finalidade a investigación, difusión, dinamización, xestión e valoración do patrimonio natural, cultural, inmaterial, gastronómico e a creatividade artística no eido do Camiño Primitivo na provincia de Lugo.

Concretamente, este programa inclúe a celebración dun congreso internacional: Descubrindo o Camiño Primitivo: Retos, obxectivos e fortalezas cara o 2021, que contará con relatores e mesas de traballo no que se aborde os elementos constitutivos da paisaxe cultural. A previsión de participación é de 18 relatores e uns 100 congresistas.

Tamén contempla o deseño dunha plataforma dixital, que aposta polo emprego das novas tecnoloxías para a divulgación deste Ben Mundial (tanto unha plataforma pedagóxica como páxina web), ademais de intervencións creativas de arte urbano no tecido degradado na contorna do Camiño Primitivo. Nesta liña proponse, para dar unha solución de calidade e estética ás zonas polas que atravesa esta vía de peregrinación, tanto a colocación de lonas con deseños ou pinturas creativas en muros. 

A maiores, Descubrindo o Camiño Primitivo propiciará a implicación da comunidade educativa a través da elaboración de materiais didácticos e da organización de charlas informativas nos centros educativos; así como a interacción cas e cos peregrinos.

Noticias relacionadas