O Concello licita tres destacadas obras na zona rural por importe de máis de 454.000 euros

Xoves, 26 de decembro de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Infraestruturas e Zona Rural adicou neste ano case un millón de euros ás parroquias


O Goberno local aprobou hoxe a licitación de tres importantes obras para a zona rural coas que o Concello inviste neste ano case que un millón de euros nas distintas parroquias de Lugo.

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, anunciou a licitación dunha ponte sobre o río Mera e obras de mellora nas comunicacións de Rosende e San Mamede dos Anxos. En total, os presupostos de licitación destes tres proxectos suman un importe de 454.276 euros.

Tamén destacou que con estas obras que se anuncian agora, o investimento do Concello en diversas actuacións para a zona rural totalizan a cifra de 971.000 euros.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a apertura do procedemento de adxudicación, por procedemento aberto, da construción dunha estrutura sobre o río Mera, cun orzamento máximo de licitación de  226.811 euros e un prazo de execución de dez semanas.
O proxecto, autorizado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ten por obxecto dotar ao cruzamento da estrada de Orbazai co río Mera dunha estrutura coa sección hidráulica suficiente para desaugar un caudal duns 200 m3/s para evitar que se produzan situacións como a que se rexistrou en febreiro de 2010, cando, como resultado da excepcional riada de febreiro de 2010, veuse abaixo a bóveda da Ponte sobre o río Mera.
O Goberno local tamén acordou licitar as obras de rexeneración de pavimento en Rosende cun presuposto máximo de licitación de 40.651 euros e un prazo de execución é de tres meses.

O terceiro proxecto que sae a licitación é a obra de pavimentación do acceso ó núcleo de San  Mamede dos Anxos, no treito da Igrexa de Conturiz ó núcleo de San Mamede, parroquia de Conturiz. Neste caso o valor estimado da obra é de 86.814 euros e un prazo de execución de un mes.
En todos os casos, a adxudicación farase por procedemento aberto e o prazo de presentación de proposicións será de 26 días naturais a partir da publicación dos respectivos anuncios de licitación no Boletín Oficial da Provincia. 

Axuda no Fogar
Outro acordo adoptado pola Xunta de Goberno, referido neste caso a Benestar Social, foi a prórroga por un ano do contrato suscrito coa empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar. 
O Goberno local aprobou un gasto de 145.682 euros, IVE incluído, para atender este contrato calculando coa estimación dunha previsión de IPC do 1,5% mentres non se coñeza o IPC real a aplicar.
Parque empresarial das Gándaras
Ademais o Goberno local concedeu hoxe dúas licenzas para obras no parque empresarial das Gándaras. Unha para a instalación dunha torre meteorolóxica temporal e outra para ampliación da pranta primeira nun edificio para uso acministrativo como centro de traballo da empresa Begasa. A primeira delas foi solicitada no mes de novembro e a segunda en setembro, o que demostra, como explicou Luis Álvarez, a falsedade das declaracións do PP que acusou ó Goberno local de obstaculizar o parque empresarial das Gándaras cunha suposta demora na concesión de licenzas na zona. 
“Ogallá fose certo que houbese deceas de solicitudes de empresas para instalarse nas Gándaras, a realidade é que desgrazadamente non é así”, manifestou Álvarez e engadiu que “o Goberno impulsa decididamente toda canta construción se realiza nese polígono”. 
Urbanismo
O Goberno local tamén acordou a imposición da sétima multa coercitiva polo importe de 6.000 euros ós propietarios do número 42 da rúa Xulia Minguillón, como consecuencia do incumprimento da resolución ditada o 3 de novembro de 2006 e dos posteriores requrimentos efectuados en anos sucesivos, e reitérase a execución das obras ordenadas e das medidas de seguiridade. Tamén se ordena á propiedade a presentación dun proxecto de rehabilitación integral do referido inmoble no prazo de 30 días, así como a execución das medidas de seguridade ordenadas.
Ademais, decidiuse a declaración de ruina técnica e urbanística do inmoble número 7 da rúa Bolboereta e ordénase a presentación do correspondente proxecto técnico de demolición no prazo de tres meses. 
Por último, declarouse inadmisible por extemporáneo o escrito presentado polos propietarios dun inmoble situado no Carril dos Fornos que ten aberto expedente contraditorio de ruína técnica e urbanística.

Multimedia

Noticias relacionadas