O Concello licita por 210.700€ a prestación das actividades de animación sociocultural nos 7 centros de convivencia

Desenvolveranse máis de 9.000 horas ao ano de programación de todo tipo talleres e cursos, ademais de excursións, para todas as idades

O contrato incluirá cláusulas sociais en defensa dos dereitos dos traballadores, ao valorar as ofertas que impliquen melloras da calidade das condicións salariais e laborais

A Xunta de Goberno acordou a prórroga por un ano do contrato da prestación de 22 prazas de centro de día por 80.160€

Aprobada as bases selectivas para a contratación de 5 socorristas que durante dous meses, en xullo e agosto, se ocuparán da vixilancia e salvamento no entorno do río 

Mércores, 15 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello licita por 210.700€ a prestación das actividades de animación sociocultural nos 7 centros de convivencia

A Xunta de Goberno aprobou este mércores licitar a prestación das actividades incluídas dentro da programación de animación sociocultural nos 7 centros de convivencia do Concello por un importe de 210.700 euros a primeira anualidade. A duración do contrato será de dous anos, coa posibilidade de prórroga por un máis, polo que o valor estimado total da adxudicación é de 574.600 euros. Así o avanzou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen subliñou que, deste xeito, o Concello seguirá prestando “un servizo público esencial que contribúe a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da nosa cidade e que se enmarca no noso compromiso prioritario co benestar social”.  

Desenvolveranse 9.017 horas de actividades para todos os públicos cada ano nos 7 centros de convivencia, distribuídas en tres bloques:

  • Actividades de lecer e tempo libre: entre outras, talleres de castelán para estranxeiros, de linguas en xeral, alfabetización, orientación e apoio escolar, formación do voluntariado, animación á lectura, linguaxe de signos, contacontos, traballos manuais para nenos e nenas, talleres de iniciación, charlas sobre saúde, hábitos saudables, estimulación cognitiva, memoria, intelixencia emocional, desenvolvemento persoal, autoestima, expresión oral e escrita, habilidades sociais e relacionais, danza, bailes de salón, defensa persoal, orientación, sendeirismo, xogos populares, multiaventura, expresión corporal, técnicas de expresión, dramatización, teatro, debuxo e pintura, cerámica e modelaxe, madeira, cestería, tecidos, traballos manuais, saídas ao exterior e xogos
  • Atención e dinamización sociocultural: prestarase nas fins de semana e festivos co fin de ampliar a oferta de ocio e inclúe, entre outras actividades, sesións de lectura, baile e xogos de mesa
  • Excursións: seis ao ano polo concello, a provincia, a comunidade autónoma ou o resto do país

O contrato de prestación de actividades de animación sociocultural incluirá cláusulas sociais en defensa dos dereitos dos traballadores, ao valorar as ofertas que impliquen melloras da calidade das condicións salariais e laborais.

Prazas de centro de día

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou a prórroga por un ano –do 14 de xuño deste 2016 ao 13 de xuño de 2017- do contrato de prestación de 22 prazas para a atención de persoas maiores en centro de día. O importe é de 80.160 euros. Estas prazas súmanse ás 50 do centro público municipal Antonio Gandoy.

Socorristas

A Xunta de Goberno aprobou as bases para a selección de 5 socorristas que se ocuparán das labores de vixilancia e salvamento nas zonas fluviais de uso recreativo da cidade, isto é, no entorno do Miño. Traballarán os meses de xullo e agosto. Para o contrato, o Concello conta cunha achega autonómica de 15.000 euros.

Devolución da paga extra

Como xa avanzara o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, a Xunta de Goberno aprobou iniciar o expediente para aboar aos traballadores municipais neste mes de xuño a última parte da paga extraordinaria de 2012 que quedaba pendente, o 50% do total. A contía total é de 581.771,54 euros, correspondentes a  91 días.

Deste xeito, complétanse os pagos efectuados nos meses de xaneiro e novembro de 2015, correspondentes cada un deles ao redor dun 25% da extra (44 días no primeiro caso, por un importe de 281.296,31€, e 48 días no segundo, por 306.868,73€).

Con esta medida, o Goberno local cumpre un novo compromiso, neste caso adquirido cos traballadores, cos que “se comprometeu a devolver a parte que restaba da paga extra de 2012 o máis rápido posible en canto tivese aprobado os orzamentos definitivamente. Trátase dun cumprimento máis deste goberno”, recalcou o voceiro municipal.

Plan de Roza

Na sesión desta mañá, como tamén avanzou onte Miguel Fernández, a Xunta de Goberno aprobou a licitación por importe de 97.300 euros do Plan de Roza das pistas da zona rural do municipio, traballos que comezarán a primeiros do mes de xullo e se prolongarán ata finais de setembro. As tarefas de desbroce afectarán a un mínimo de 700 quilómetros e para acometelas, a adxudicataria (Deforgal 21 XL) deberá dispoñer en activo ao mesmo tempo de 8 tractores, polo que a roza comezará de maneira simultánea en varias parroquias.

Audio

Noticias relacionadas