O Concello licita o mantemento e conservación integral das 73 áreas de xogo infantís da cidade

A Xunta de Goberno abriu o proceso de adxudicación deste servizo, cuxas tarefas contarán cun orzamento de 100.000 euros para o 2016. A duración do contrato será de catro anos

Aprobada a expropiación definitiva das dúas parcelas que restaban para completar os 10.000 metros cadrados necesarios para ceder á Xunta co fin de que constrúa un colexio no Sagrado Corazón

Mércores, 11 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello licita o mantemento e conservación integral das 73 áreas de xogo infantís da cidade

A Xunta de Goberno deste mércores abriu o proceso de adxudicación do servizo de mantemento e conservación integral das 73 áreas de xogos infantís existentes nos parques, xardíns e zonas verdes públicas municipais da cidade de Lugo, que se fará por procedemento aberto. Así mesmo, aprobáronse os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán na licitación.

Tal e como deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, as tarefas de conservación e mantemento contarán cun orzamento de 100.000 euros para o 2016 e a duración do contrato será de catro anos, con posibilidade de prórroga por períodos máximos anuais, sen que en ningún caso poda superar os 6 anos.

Os traballos acometeranse nas áreas de xogos infantís do Parque de Rosalía de Castro, nas costas do Parque, Sagrado Corazón, Parque da Milagrosa, Albeiros, Miño, Abella, Paxariños, Feiral, Os Robles, polígono das Gándaras, Carballeira da Estrada da Granxa, Parque de Marcos Cela, Avenida de Magoi, Campo Castelo, San Roque,  Praza Roxa, Illa Verde, Montirón, xardín do Sagrado Corazón, Quinta de Pérez, Praza de San Loureiro, entre o Carril das Flores e o Carril das Hortas, Casas Sindicais, Fonte dos Ranchos, Praza de Alacante, Praza da Milagrosa, rúa río Avia, rúa Casas Vellas, Camiño de Romai, Aquilino Iglesias Alvariño, Avenida das Américas, rúa Galicia con San Roque, Praza Viana do Castelo, Praza do Castiñeiro, Catasol, rúa Novo Freire, As Termas, rúa Río Mandeo, rúa Angelo Colocci con rúa das Fontes, e coa rúa Gallego Tato, Ronda do Carme con Marqués de Ombreiro, Augas Férreas, unidade de actuación Sur-2 (Montirón), Aquilino Iglesias, números 22-26, Carballeria Grande de Aceña de Olga, polígono das Gándaras, Costas do Parque, gardería San Xiao, Ronda das Mercedes, San Friz, unidade de actuación Norte B, N1 e N2 en Garabolos,  Nóreas, Paradai e Orbazai, así como nos circuítos biosaudables da Fonte dos Ranchos, Albeiros, Rosalía de Castro, As Gándaras, na unidade de actuación Norte B e en Nóreas.

A empresa adxudicataria realizará traballos de inspección, mantemento, reparación e substitución dos elementos e dos xogos infantís, da limpeza das áreas de xogos, da reparación e conservación das superficies, solos e pavimentos de seguridade, do mantemento, reparación e pintado dos paneis e carteis indicativos e de información, así como dos peches perimetrais das áreas e dos elementos dos xogos infantís.

O anuncio de licitación publicarase no Diario Oficial da Unión Europea e no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello, na páxina web www.lugo.gal. O prazo de presentación de proposicións será de 40 días naturais contados dende a data do envío do anuncio do contrato á Comisión Europea.

Colexio do Sagrado Corazón

A Xunta de Goberno tamén aprobou na reunión deste mércores a expropiación definitiva de dúas parcelas, que suman 1.269m2, para completar a adquisición dos 10.000 metros cadrados necesarios para a súa cesión á Xunta co fin de que constrúa neles un centro de educación infantil e primaria no Sagrado Corazón. O Concello xa adquirira, a través de convenios urbanísticos 7 parcelas, que suman 8.760 metros cadrados.

Tras esta aprobación definitiva da expropiación, o Concello notificarallo ás partes, que terán 20 días para a aceptación ou rexeitamento da valoración. No caso de rexeitala, enviarase a documentación ao Xurado de Expropiación de Galicia. Ao mesmo tempo que transcorren os 20 días, o Concello pode continuar co procedemento comunicándolles ás partes a data e a documentación para concorrer ao pago, e unha vez realizado, firmarase a acta de ocupación e pago e poranse a disposición da Xunta.

Fábrica da luz

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou iniciar o procedemento de resolución do contrato correspondente ás obras de recuperación do edificio da Fábrica da Luz, adxudicado á UTE Varela Villamor – Indeza Edificación y Obra Civil en xaneiro do ano 2007 cun orzamento de 1 millón de euros.

Miguel Fernández explicou que, en base a informes técnicos, plantéxase unha resolución do contrato por mutuo acordo entre as partes -o Concello e o contratista-, tras a solicitude formulada pola adxudicataria de liquidación, recepción e suspensión definitiva das obras pola imposibilidade de continuar adiante e executar os 12.368,57€ que restan para finalizar, o que supón o 1% do importe total do contrato. “Esta cantidade pendente non foi certificada, nin por suposto abonada polo Concello”, indicou o voceiro.

En abril de 2008 a Xunta de Goberno, co beneplácito da UTE adxudicataria, estableceu ampliar o prazo –dos 7,5 meses inicialmente previstos- ao tempo necesario para poder levar a cabo a coordinación dos traballos de rehabilitación pendentes cos da adxudicataria da concesión da Fábrica da Luz, isto é, Inca, Servicios y Proyectos de Ingeniería Civil S.A.

“O atraso no inicio e execución das obras de Inca debido a diversos motivos fai inviable esta coordinación do remate dos traballos de rehabilitación  do edificio cos correspondentes á concesión. E a isto sumouse que unha das empresas da UTE encargada da rehabilitación entrou en concurso de acredores”, sinalou o voceiro municipal.

“Pasado todo este tempo –en agosto de 2010 pagouse a última certificación-, os informes técnicos indican que a execución das obras por valor de 12.300€ que restan non servirían para poñer en uso o edificio, polo que se plantexa a resolución do contrato”, asegurou Fernández.

Así mesmo, na Xunta de Goberno aprobouse abrir un trámite de audiencia por un prazo de 10 días hábiles á UTE, durante o cal poderá formular oposición ou presentar as alegacións que considere pertinentes. No caso de que estea de acordo, considerarase definitivamente aprobada a resolución do contrato e procederase á devolución da garantías definitivas, por importe de 46.175€.

O voceiro do Concello subliñou que o contrato de rehabilitación do edificio da Fábrica da Luz para o que agora se inicia o procedemento de resolución non ten nada que ver co de Inca, Servicios y Proyectos de Ingeniería Civil S.A. para a recuperación e concesión da explotación e mantemento da Fábrica da Luz, que foi asinado o 6 de xuño do 2008 e que está a día de hoxe en vigor.

Reclamacións e suxestións

Fernández informou de que na Xunta de Goberno desta mañá deuse das reclamacións e suxestións presentadas no Concello de Lugo dende o derradeiro informe, do 10 de marzo de 2016. Neste período recibíronse 19 reclamacións e 0 suxestións. As reclamacións responden ás dependencias do Gabinete de Tráfico (2), de Policía Urbana, de Transportes (2), da Unidade de Sancións, da Policía Local, da Patrulla Verde, de Augas (4), de Enxeñaría, de Cultura (2), Tesourería, Intervención, Arquivo e Cemiterio. Das 19 reclamacións, 9 están resoltas e 10 pendentes (dúas foras de prazo). 

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o procedemento de resolución do contrato correspondente ás obras de recuperación do edificio da Fábrica da Luz |Descargar mp3

Noticias relacionadas