O Concello licita o desbroce das pistas da zona rural por 125.000 euros

A Xunta de Goberno aprobará mañá os pregos de contratación para realizar no verán as tarefas de limpeza dos viais, que afectarán a uns 700 quilómetros

O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP

Martes, 15 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobará na reunión deste mércores a licitación dos traballos de desbroce en pistas de diversas parroquias da zona rural. Así o deu a coñecer este martes o voceiro municipal e Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, quen avanzou que a licitación se fará por procedemento aberto. Así mesmo, na sesión deste mércores aprobaranse os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán na licitación.

Tal e como subliñou Fernández, as tarefas de desbroce, que afectarán a uns 700 quilómetros, contarán cun orzamento duns 125.000 euros, posto que se establece un prezo por quilómetro de 179 euros por quilómetro. Os traballos de limpeza realizaranse ao longo de tres meses, a desenvolver entre os meses de xuño e setembro, tendo a empresa adxudicataria que dispor en activo, simultaneamente, de 8 tractores para executar os traballos de roza. Este prazo de tres meses poderá prorrogarse ata o mes de outubro. Así mesmo, o contrato poderá prorrogarse para o ano 2017.

“Con estas actuacións, que atenden a peticións veciñais, o Concello mellora as comunicacións no rural e a seguridade vial, contribuíndo ademais a previr incendios”; destacou Fernández, ao tempo que lembrou que este plan de actuación se enmarca na “decidida aposta do Concello polo rural, para fixar poboación e mellorar a calidade de vida e os servizos dos seus veciños e veciñas”.

Os traballos de desbroce acometeranse en 49 das 54 parroquias do Concello, facéndose cargo da limpeza diaria das 5 restantes a brigada municipal. Deste xeito, o Plan de Roza contempla o desbroce dos viais de Pías, Monte de Meda, Coeses, Soñar, Saá, Torible, Prógalo, Piugos, Meilán, Castro, Pena, Bocamaos, Ombreiro, Adai, Outeiro, Camoira, O Burgo, Lamas, Santa Comba, Recimil, Anxos, Coeo, Santa María de Bóveda, Teixeiro, San Román, Esperante, San Xoán do Alto, Orbazai, Santa María Alta, Bacurín, Bóveda-Santalla, Vilachá de Mera, Poutomillos, Mera, Calde, Veral, San Xoán do Campo, Cuíña, Ribas do Miño, Piñeiro, Carballido, Pedreda, Rubiás, Labio, Gondar, Bascuas, Romeán, Benade e Bazar.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello na páxina web www.lugo.gal O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o desbroce das pistas da zona rural|Descargar mp3

Noticias relacionadas