O Concello licita a instalación das catro casetas e os catro caldeiros do polbo do San Froilán

As persoas interesadas poderán presentar propostas durante 15 días hábiles, é dicir, ata o 24 de xullo, no Rexistro Xeral do Concello. A adxudicación será para os festexos deste ano e máis do vindeiro

Nesta edición, a montaxe poderase iniciar o 14 de setembro e comezar a actividade o 3 de outubro, manténdose en funcionamento ata o día 4 de novembro

Martes, 03 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou este martes que o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a licitación para autorizar a instalación das catro casetas e os catro caldeiros do polbo durante as festas do San Froilán deste ano e máis do vindeiro.

Os prezos de saída para as casetas son: 18.772,79 euros para a número 1, 17.700,06 para a 2, e 16.627,33 euros para a 3 e a 4. En canto aos caldeiros: 11.714, 22 para o número 1, 11.044,84 para o número 2, e 10.375,46 euros para o 3 e o 4. Os prezos das casetas e caldeiros, que se instalarán na rúa Vila de Foz, establécense en función da proximidade ao recinto feiral. As dimensións máximas das casetas serán de 33x9,30 metros e dos caldeiros do polbo, de 11x4 metros.

As persoas interesadas poderán presentar propostas durante 15 días hábiles, é dicir, ata o 24 de xullo, no Rexistro Xeral do Concello. As instancias deberán ir acompañadas de dous sobres, un coa documentación administrativa e outro coa oferta económica.

Para este ano, a montaxe poderase iniciar o día 14 de setembro e comezar a actividade o 3 de outubro, manténdose en funcionamento ata o día 4 de novembro. Todos os postos deberán ter visibles os prezos, que quedan fixados do seguinte xeito:

-    250 gramos de pulpo, 12 euros
-    200 gramos de pan, 1,50 euros
-    200 gramos de cachelos, 1,50 euros
-    ¾ de litro de viño de mesa, 6 euros

As casetas poderán ofrecerlle ao público outros alimentos e bebidas complementarias que non estean reguladas no prego, debendo colocar, tanto no interior como no exterior da instalación, o cadro de prezos autorizado, con cantidade, peso e volume ofertado, visado polo Concello. Para o ano 2019 os prezos poden variar dependendo do prezo do mercado do produto nese momento.

Novidades do prego

Entre as novidades que recollen as bases técnicas e administrativas do novo prego de licitación figura a xustificación da solvencia técnica, que se fará do seguinte xeito: mediante experiencia mínima de seis meses na realización dun servizo ou actividade similar a este contrato -servizo de hostelería- ou acreditando a titulación nalgún ciclo formativo de formación profesional ou similiar en hostelería, para o caso de non ter experiencia previa.

En canto á garantía (fianza); para participar no concurso público será obrigatorio presentar unha fianza do 2% do prezo de saída -a nova Lei de Contratos diminuíu a fianza, pois antes era dun 5%-; e que no caso de ser adxudicatario e renunciase se lle incautaría e de ser adxudicatario e aceptar se convertiría en definitiva máis a diferenza ata prezo ofertado.

No que se refire ás propias instalacións, as casetas poderán dispoñer de toldos para desplegar en caso de choiva, que cubran a zona entre a caseta e o caldeiro. Ademais, poderanse instalar barricas tradicionais ou similares no frontal, todas de aspecto similar, nunha franxa dun metro de ancho. As casetas deberán dispoñer de baños accesibles e no exterior deberán evitarse cores rechamantes. Expecionalmente, poderán superarse as dimensións máximas nun 7%, unicamente cando concurran circunstancias de seguridade e estabilidade da edificación.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a instalación das catro casetas e os catro caldeiros do polbo do San Froilán | Descargar mp3

Noticias relacionadas