O Concello licita a humanización da Praza Agro do Rolo, que contempla unha zona de xogos cuberta, unha zona verde e mobiliario urbano

As tarefas, que a entidade local acometerá con fondos propios ante a negativa doutras administracións de colaborar, teñen un orzamento duns 305.800 euros e un prazo de execución de 4 meses

A Xunta de Goberno aprobou este mércores sacar a contratación a nova rede de radiocomunicacións para a Policía Local, por 240.000 euros. A nova dotación estará composta por 150 equipos portátiles para os axentes

Mércores, 30 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A vicevoceira municipal, Carmen Basadre, informou este mércores de que a Xunta de Goberno aprobou sacar a contratación a humanización da Praza Agro do Rolo. Así mesmo aprobouse o proxecto técnico e o prego de cláusulas administrativas que rexerán nesta licitación, que se fará por procedemento aberto.

As tarefas nesta praza que mide 4.235 metros cadrados, valoradas nuns 305.800 euros, contemplan unha zona de xogos cuberta, duns 230 metros cadrados, unha zona verde, ubicada no lateral da praza, que consistirá na creación de tres camiños peatonais que comuniquen a praza coa rúa Anselmo Sanpedro, con bancos; e a zona central, onde o Concello colocará bancos e mobiliario urbano e plantará árbores. A entidade local acometerá as obras con fondos propios ante a negativa doutras administracións de colaborar.

Tal e como subliñou Basadre, os traballos terán un prazo de execución de 4 meses. As empresas terán 26 días naturais para presentar as súas ofertas dende a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Equipos de comunicación da Policía Local
Tal e como avanzara a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na sesión deste mércores aprobouse a apertura do procedemento de adxudicación da nova rede de radiocomunicacións dixitais de voz e datos para a Policía Local. Así mesmo, aprobouse o proxecto técnico e o prego de claúsulas administrativas que rexerán nesta licitación, que se fará por procedemento aberto. A licitación ascende a 240.000 euros e comprende tanto o suministro do equipamento,  150 equipos portátiles para os axentes, móbiles para vehículos e motocicletas, e fixos para a a sala de control e infraestruturas; como a instalación, programación e posta en marcha do mesmo.

Mellora Lugo 2016
Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou adxudicar a contratación do servizo de mentementeo e conservación de espezos verdes públicos e dos centros educativos e escolas infantís dentro do Plan Mellora Lugo, posto en marcha polo Concello co dobre obxectivo de fomentar o emprego e realizar traballos de acondicionamento e mantemento de instalacións e zonas públicas, tanto na cidade como no medio rural. Deste xeito, Calfensa Proxectos S.L. farase cargo das zonas verdes e Obras e Servizos Lugo S.L..U, das instalacións educativas, por 80.800 e 79.900 euros, respectivamente.

No tocante á área de Medio Ambiente, as principais intervencións previstas realizaranse no Parque dos Paxariños, no Polígono das Gándaras, na parcela lindeira coa vella Potabilizadora, no espazo lindante coa Estación do Tren no Parque do Sagrado Corazón, nas parcelas municipais do Ceao e, tamén, noutras zonas verdes municipais nas que sexa preciso o seu acondicionamento.

Na área de Educación, o obxecto do contrato é o servizo de mantemento e conservación nos 15 colexios públicos da cidade e nas escolas infantís municipais Serra de Outes, Gregorio Sanz, Luis Soto Menor e María Wonenburger. Os traballos consistirán en pequenos retellados e eliminación de goteiras, reparacións de canalóns e baixantes, revisión, limpeza e recheo de areeiros, pintura, arranxo e colocación de persianas, ou reparación de mobiliario, entre outros.

Outros asuntos
Por outra banda, a Xunta de Goberno declarou como ruína urbanística 6 inmobles da rúa do Carme e acordou prorrogar o contrato administrativo corresponde ao servizo de comidas aos usuarios do centro de día Antonio Gandoy, dende o 13 de decembro do 2016 ao 12 de decembro de 2017, por 58.900 euros.

Noticias relacionadas