O Concello levou de excursión ás praias lucenses e coruñesas a máis de 200 persoas ao longo de xullo e agosto

Lara Méndez e Ana Abelleira despediron aos últimos participantes destas viaxes subvencionadas pola entidade local, que na xornada de hoxe se achegarán aos areais de San Cibrao e á cidade de Mondoñedo

O 90% dos viaxeiros foron homes e mulleres de entre 55 e 70 anos, aínda que tamén se anotaron familias con nenos e nenas, derivados dos Servizos Sociais municipais

Mércores, 17 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello levou de excursión ás praias lucenses e coruñesas a máis de 200 persoas ao longo de xullo e agosto

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, despediron este mércores aos asistentes da cuarta e última excursión organizada e subvencionada polo Concello á praia. Na xornada de hoxe, o medio cento de participantes, aos que a rexedora e a edil lles desexaron unha gozosa xornada, achegaranse aos areais de San Cibrao e á cidade de Mondoñedo.

En total, nestas excursións postas en marcha pola entidade local ao longo de xullo e agosto, pensadas para que as persoas que non tiveran a oportunidade de achegarse á praia poideran facelo de xeito máis económico, posto que soamente deberían aboar 4,12 euros, participaron máis de 200 persoas, que coñeceron as praias de Cariño, Malpica e Ferrol, facendo unha parada en Vilalba, Vimianzo e As Pontes.

O 90% dos viaxeiros eran mulleres e homes de entre 55 e 70 anos, aínda que tamén participaron familias con nenos e nenas, derivados de Servizos Sociais municipais. Do total de participantes, o 70% eran mulleres. Todas as excursións completaron o máximo de matriculacións.

Noticias relacionadas