O Concello leva tramitados este ano 108 expedientes de rehabilitación e aluguer aínda que o convenio do Portelo Único coa Xunta non se asinou ata onte

Mércores, 25 de abril de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Urbanismo explica que Evislusa non deixou de facer este traballo para non prexudicar os dereitos dos veciños de Lugo, a pesar de que o IGVS negouse a pagar os 80.000 euros que lle corresponden á Xunta polo convenio do ano pasado

O Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, informou hoxe de que o Concello seguiu a asumir o traballo da Oficina de Rehabilitación-Portelo Único a pesar de que a Xunta non asinou ata onte o convenio cos concellos.

Aínda que o convenio deste ano asinouse este martes e a pesar de que a Xunta negouse a pagar os 80.000 euros que lle corresponden polo convenio do ano pasado, resolución que está recorrido polo Concello, Evislusa seguiu facendo este traballo e leva tramitados 108 expedientes desde xaneiro para non prexudicar ós veciños que se benefician destas axudas, segundo explicou o Concelleiro de Urbanismo.

Luis Álvarez destacou que “aínda que este convenio asinouse practicamente catro meses despois de iniciado o ano, por parte da empresa municipal Evislusa se seguiron facendo os traballos porque se trata dun beneficio para os cidadáns do Concello que teñen dereito a este tipo de axudas”.

O Concelleiro de Urbanismo manifestou que Evislusa segue a tramitar estas axudas, que conlevan unha grande carga de traballo, para non prexudicar ós veciños porque “valoramos que se trata dunha actuación necesaria, con independencia da lamentable actitude administrativa do IGVS con respecto ó pago do convenio de 2011, a pesar dos problemas co pago dos cartos do ano pasado, que se negan a dar, e a pesar da inseguridade que supón non ter asinado un convenio e, polo tanto, a inseguridade de percibir a achega da Xunta”

Desque comezou o ano, Evislusa leva tramitados 27 expedientes correspondentes a rehabilitacións no Casco histórico, coas súas correspondentes visitas e informes técnicos remitidos ó IGVS para a súa cualificación provisional; tamén fixo 42 visitas a pisos do programa Aluga e remitiu os informes correspondentes; dentro do programa Renove estanse a tramitar un total de 32 expedientes e foron tramitados outros 7 expedientes do programa rehabilitación cascos históricos e rural.

O convenio asinado onte supón que o Concello leva a cabo a tramitación dun elevado número de expedientes correspondentes a distintos programas e a Xunta adica a pagar este traballo que fai Evislusa 80.000 euros, a mesma cifra prevista no convenio do ano pasado, mentres que o Concello terá que financiar 199.000 euros.

Multimedia

Noticias relacionadas