O Concello lanza o boletín ‘Lugo Cidade Viva’ para informar, sensibilizar e concienciar a poboación sobre o cambio climático

A newsletter sumarase ás campañas educativas que está xa a realizar o executivo de Lara Méndez a través do LIFE Lugo+Biodinámico nos centros escolares.

O novo boletín electrónico, de periodicidade quincenal, recollerá novas sobre as accións que se desenvolven no municipio pero tamén noutras cidades do mundo.

As primeiras 450 persoas que se subscriban e así o soliciten recibirán como agasallo un castiñeiro do novo bosque urbano LIFE creado nas Gándaras.

Domingo, 21 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello lanza o boletín ‘Lugo Cidade Viva’ para informar, sensibilizar e concienciar a poboación sobre o cambio climático

O Goberno de Lara Méndez editará unha newsletter para achegar á cidadanía, actualidade e información sobre actuacións e propostas de vangarda no ámbito do medio ambiente e a loita contra o cambio climático co obxectivo de sensibilizar e concienciar á poboación.

O novo boletín electrónico, que se publicará baixo o título Lugo Cidade Viva, terá unha periodicidade quincenal e abordará cuestións relacionadas coas novas prácticas e políticas de desenvolvemento urbano sostible que se están a executar no municipio de Lugo e no resto de cidades referentes do mundo.

Dende hai cinco anos, Lugo atópase inmersa nun cambio de paradigma cara un urbanismo vangardista e sostible que está a ser pioneiro en Europa. A través desta newsletter, sostén a alcaldesa Lara Méndez, “queremos facer partícipe deste novo paradigma a todos os e as lucenses achegándolles as últimas novas sobre os avances que Lugo e o resto de cidades están a levar a cabo para ser máis resilientes fronte á emerxencia climática, así como información de como a cidadanía pode contribuír na loita contra o cambio climático no seu día a día”.

Deste xeito, o Concello busca implicar á cidadanía para crear conciencia social sobre un problema que afecta a toda a poboación como é o cambio climático e a contaminación atmosférica, partindo da premisa de que o coñecemento e a educación ambiental son fundamentais para entender as responsabilidades individuais e colectivas, así como os beneficios de coidar e preservar os recursos naturais dos que dispoñemos.

O proxecto Lugo Cidade Viva contará ademais cunha páxina web a través da cal os interesados poderán subscribirse ao boletín: http://lugocidadeviva.gal/, e tamén disporá de perfís en Facebook (/lugocidadeviva) e Instagram (@lugocidadeviva) nos que se compartirá contido relacionado coa temática medioambiental.

Esta newsletter sumarase ás campañas de concienciación que o Goberno local está a realizar nos centros educativos, con apoio do Campus Terra no marco do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, para que xa desde a infancia os nenos e nenas de Lugo queiran e protexan o medio natural.

Agasallo para os primeiros 450 subscritores

Co obxectivo de difundir esta iniciativa e contribuír á consecución dun Lugo máis verde, as primeiras 450 persoas que se subscriban á newsletter e así o soliciten recibirán como agasallo un castiñeiro procedente do souto do novo bosque urbano de 21 hectáreas. 

Este novo espazo verde, no que o campus universitario de Lugo estivo a traballar este tempo co fin, non só de coidar a biodiversidade, senón tamén para estudar como mellorar a  produción e a calidade dos recursos naturais vinculados ao deseño das cidades sustentables do futuro, abrirase este ano ao público.

O LIFE Lugo + Biodinámico. liderado polo Concello, está cofinanciado ao 80% pola Unión Europea, e nel tamén participan a Deputación de Lugo, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Politécnica de Madrid.

Noticias relacionadas