O Concello investiu 600.000 euros en 12 novos parques infantís nos últimos catro anos

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello investiu 1.835.000 euros desde o ano 2003 en obras no barrio de San Roque

O Concello de Lugo investiu 604.951 euros, máis de cen millóns das antigas pesetas, en 12 novos parques infantís creados desde o ano 2003 na cidade. Os datos foron dados a coñecer esta tarde polo Alcalde, José López Orozco, na inauguración dos novos xogos infantís situados nos parques de San Roque e Illa Verde.

O Alcalde afirmou que o Concello está facendo “unha aposta moi forte pola diversión dos pequenos pero con seguridade”. Con este obxectivo, desde o ano 2003 crearon 12 parques infantís en diferentes barrios da cidade por un valor de 604.951 euros.

Obras en San Roque
López Orozco, o Concelleiro de Medio Ambiente –Lino González Dopeso, e o de Infraestruturas –José Piñeiro-, acompañados doutros membros da Corporación, inauguraron esta tarde os parques infantís de San Roque e Illa Verde. O Concello investiu 35.000 euros nestes dous parques infantís.

A primeira das inauguracións tivo lugar en San Roque, onde puideron comprobar as obras, que tiñan un orzamento de 20.000 euros.

A zona de actuación foron uns 150 metros cadrados e os traballos consistiron no vaiado da zona de xogos e o cambio do pavimento anterior polo novo de seguridade. Tamén foron remodelados e arranxados os xogos infantís consistentes nunha torre multidisciplinar, un vaivén e 1 columpio.

O Alcalde explicou que o Concello de Lugo investiu desde o ano 2003 un total de 1.835.161 euros no barrio de San Roque. As principais apostas foron a reurbanización da rúa San Roque, o novo alumeado e o xardín. Estas obras completáronse cos máis de dous millóns de euros que aportou a iniciativa privada neste barrio en colaboración co Concello.

Obras en Fingoi
En Illa Verde, onde estiveron ás seis menos cuarto da tarde, os traballos de remodelación afectaron a 96 metros cadrados cun orzamento total de 15.000 euros. Cambiouse tamén o pavimento por un de seguridade, vaiouse a zona propia de xogos e foron arranxados e reparados os que había. Na actualidade, os pequenos poden xogar nun tobogán, un columpio, 2 vaivéns e varias setas.
O Concello de Lugo está ultimando 4 parques infantís máis noutros barrios da cidade. Na actualidade hai máis de 35 parques para os pequenos.

Noticias relacionadas