O Concello investirá máis de dous millóns de euros na urbanización da parcela do novo hospital

Sábado, 10 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, presentaron o proxecto de urbanización da parcela destinada ó novo hospital que comprende a construción dos seus viais perimetrais. O proxecto suma 2.396.792 euros e hoxe mesmo entrou en proceso de contración. As obras serán executadas en 10 meses. "Esta obra en sí é moi importante porque é a que lle da sentido ó hospital", afirmou o Alcalde, quen recordou que é o máis moderno de Galicia e punteiro en España.

O Concello de Lugo xa cedera anteriormente a parcela para construír o novo hospital. Arestora está a reinvestir os cartos conseguidos polo pago da licenza destas obras. Xa están a piques de finalizar os primeiros traballos do Concello na zona: as obras no barrio de Galegos. "É verdade que causan problemas ós veciños pero están próximas a rematar. Espero que nos comprendan e nos desculpen", dixo o Alcalde sobre estas obras que tiñan un presuposto de 1.442.533 euros.
Viais perimetrais
Agora o Concello afronta o proxecto de urbanización dos viais perimetrais do hospital. Xa teñen consignación presupostaria nos orzamentos municipais deste ano e tamén remanentes de anos anteriores "cos que fumos facendo unha bolsiña, para poder facer a adxudicación", dixo o Alcalde. Estes viais, cun investimento de 2.396.792 euros e unha lonxitude de 1.140 metros, terán novas beirarrúas de entre 3-5 metros, novas vías de 24 metros de ancho, dous carrís en cada sentido e glorietas nas interseccións.

"É unha dotación provincial moi importante para a cidade. Ter este servizo merece a pena", afirmou o mandatario municipal para explicar o esforzo económico do Concello.

Ronda Este
José López Orozco fixo fincapé na importancia que terá entroncar os novos viais coa futura Ronda Este. "É unha obra moi importante que se vai complementar coa Ronda Este, da que falou o outro día o Presidente da Xunta. Sei que teñen case concluído o proxecto e que está próximo de que se licite por parte da COTOP".

O Alcalde tamén amosou a súa satisfacción polas declaracións difundidas onte da Conselleira de Sanidade. Afirmaba que xa está case rematada a obra civil do novo hospital e no 2008 está previsto que comece o traslado para empezar a traballar o máis pronto posible.

Noticias relacionadas