O Concello iniciará o 9 de setembro a intervención subsidiaria do inmoble nº 48 da Rolda da Muralla, tras 15 anos de atrancos por parte da propiedade

O edil de Urbanismo Sostible avanza que a Xunta de Goberno autorizará esta semana o comezo dos labores de desentullo  que acometerá a empresa Aldariz Ferreiro por un importe de 48.173’11 euros.

Ademais, acórdase desestimar os recursos de reposición presentados polas titulares por non axustarse ao obxecto dos requerimientos municipais.

Luns, 24 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello iniciará o 9 de setembro a intervención subsidiaria do inmoble nº 48 da Rolda da Muralla, tras 15 anos de atrancos por parte da propiedade

O mércores, 9 de setembro. Esa é a data na que o Concello de Lugo ten previsto iniciar, de forma subsidiaria, os labores de desentullo do inmoble número 48 da Rolda da Muralla, para garantir a estabilidade do edificio e a seguridade cidadá.

O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, explicaba hoxe que a Xunta de Goberno Local desta semana autorizará o comezo dos traballos que, “segundo o proxecto elaborado por Evislusa, consisten no apeo da estrutura, o arriostramento de muros, a retirada de cascallos e a recuperación dos elementos catalogados cos que conta a construción. Operacións orzamentadas en 48.173’11 euros, das que se encargará a empresa Aldariz Ferreiro e para as que dispón dun prazo de 6 meses”.

O concelleiro indicou tamén que na mesma sesión o executivo procederá a desestimar os recursos de reposición presentados polas propietarias do edificio "ao non axustarse as súas argumentacións ao obxecto dos requirimentos municipais e por non gardar relación co preocupante estado de conservación no que se atopa a vivenda nin á necesidade urxente de dar cumprimento íntegro as obras ordenadas, xa en 2005, para reverter a súa situación tan lamentable“.

“Comeza pois, a conta atrás para materializar unha intervención que as propias donas da edificación levan pospoñendo, incomprensiblemente, 15 anos, tempo no que de forma reiterada e neglixente desoíron os chamamentos da administración local” e lembrou que, dende o 2001, ano no que se advirte por primeira vez da necesidade de actuar sobre a mesma, o Servizo de Urbanismo emitiu máis dunha trintena de resolucións, instándoas a corrixir as deficiencias detectadas.

Couto recordou, así mesmo, que, até o momento, o Concello impuxo un total de oito multas coercitivas ao respecto por importe de 43.000€ sen que causaran efecto algún, “polo que, non nos quedou outra alternativa que solicitar a oportuna autorización xudicial para rematar, dunha vez por todas, o procedemento”, sostivo.

“O noso principal obxectivo é garantir a protección dos viandantes e, precisamente por iso, o próximo día 9 persoal do Servizo de Arquitectura e da Empresa Municipal de Vivenda e Solo, acompañados por efectivos da Policía Local, acudirán, ás nove da mañá para supervisar o inicio das obras para o que, dende o Concello, lles pedimos ás titulares da edificación a máxima colaboración, co fin de que faciliten a entrada, anunciándolles tamén que, de non ser así, se accederá igualmente á mesma en virtude da autorización outorgada en decembro polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Lugo. O arranxo é xa inaprazable”, concluíu o edil de Urbanismo Sostible.

Audio

  • Miguel Couto, sobre o inmoble nº 48 da Rolda da Muralla | Descargar mp3

Noticias relacionadas