O Concello inicia as obras de consolidación do Cuartel de San Fernando, onde o Goberno Local reclama o Museo da Romanización

“Este Goberno continuará traballando para materializar a implicación da Xunta nas cuestións pendentes do municipio”, subliñou a Alcaldesa, quen supervisou os traballos acompañada do Concelleiro de Desenvolvemento Sostible

O sábado instalarase unha grúa fixa no Cuartel para avanzar nas obras. Cortarase a rúa San Fernando, polo que se restrinxirá o tráfico nas inmediacións e se modificará a parada de bus situada en Bolaño Rivadeneira

Martes, 20 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello inicia as obras de consolidación do Cuartel de San Fernando, onde o Goberno Local reclama o Museo da Romanización

O Concello de Lugo vén de iniciar as obras de consolidación do Cuartel de San Fernando, catalogado como Ben de Interese Cultural en xullo de 2009, unhas tarefas encamiñadas a dar seguridade e garantir a conservación do edificio. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, supervisaron os traballos, que pasan pola demolición e o movemento de terras, o teitado e outras actuacións de construción especializada. Teñen un prazo de execución de 14 semanas.

A intervención, de relevancia para o Goberno Local posto que son actuacións de conservación do excepcional patrimonio de Lugo, enmárcase dentro do convenio coa Consellería de Cultura por valor de 180.000 euros, achegados ao 50% por ambas administracións, a pesar de que o orzamento do Goberno Autonómico é de máis de 8.800 millóns de euros, fronte aos 91 millóns do Concello. “Este Goberno continuará traballando constante e decididamente para materializar a implicación da Xunta nas cuestións pendentes do municipio, como reivindicar o proxecto para converter San Fernando no Museo da Romanización de Galicia”, subliñou Méndez, quen adiantou que é obriga das administracións poñer en valor e aproveitar un recurso, como é o Cuartel de San Fernando, para atraer visitantes á cidade luguesa e dinamizar a vida cultural de Lugo”.

Con estas actuacións, asegúrase a estrutura do edificio, arranxarase a cuberta eliminando as filtracións de auga, tanto nesta estrutura como no propio edificio, dotaranse de canles baixantes e conectaranse á rede de saneamento, así como se derrubará e acondicionarán as cabaleirizas traseiras.

Corte da rúa San Fernando
Con motivo da instalación dunha grúa fixa no antigo edificio do Cuartel de San Fernando para avanzar nestas obras, o sábado 24 de setembro cortarase a rúa San Fernando. Deste xeito, o Concello ten preparado o seguinte plan de tráfico:

  • Corte da rúa San Fernando, á altura da rúa Amor Meilán, coa intención de desviar o tráfico pola segunda das rúas
  • Debido a que dito corte afecta á entrada do párking subterráneo da Praza do Ferrol, permitirase o acceso aos usuarios do mesmo. Dito acceso estará regulado por operarios
  • Os residentes afectados accederán dende a rúa Amor Meilán, cara a rúa Quiroga Ballesteros e finalmente cara a rúa San Froilán
  • Instalarase un cartel informativo na intersección da rúa Bolaño Rivadeneria con rúa Quiroga Ballesteros coa fin de evitar o acceso da maioría dos usuarios cara a zona da Praza do Ferrol
  • Coa fin de facilitar o acceso a residentes e servizos da Praza do Ferrol, habilitarase o dobre sentido de circulación dende a rúa Bolaño Rivadeneira. Dous operarios sinalistas regularán e facilitarán a circulación por dita praza, así como a incorporación á rúa San Fernando
  • Dito corte de tráfico afecta ás liñas de bus que teñen a súa parada na rúa Bolaño Rivadeneira, unha vez sobrepasado o cruce coa rúa Quiroga Ballesteros. Deste xeito trasladarase temporalmente dita parada ao carril bus, na superficie inmediatamente antes a dito cruce; existindo carteis informativos onde a parada anulada. A ruta alternativa será desviándose pola rúa Quiroga Ballesteros cara a Praza Santo Domingo,  rúa Teatro e incorporación á Ronda da Muralla, onde retomará o seu circuíto normal

Noticias relacionadas