O Concello incrementa o material para a Escola Municipal de Música por preto de 4.000 euros

Manuel Núñez deu conta desta inversión, que se suma aos 33.200 euros que xa leva investidos durante este ano a entidade local para mellorar o equipamento desta escola

Martes, 15 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, deu conta este martes da adquisición de diverso material para a Escola Municipal de Música de Lugo, ca que o Concello realiza unha nova inversión de preto de 4.000 euros. Deste xeito, a entidade local segue a dar resposta á petición realizada polos mestres e mestras da escola, para mellorar a impartición das distintas materias.

Esta cantidade súmase aos 33.200 euros que xa leva investidos durante este ano o Concello para mellorar o equipamento desta escola, que conta con máis de 700 alumnos e 1.000 matriculados, cunha lista de espera de 400 persoas.

Entre o último material que se adquire, atópanse varios instrumentos de pequena percusión, por un importe de case uns 2.000 euros, segundo informou o edil. Ademais, tamén se mercaron tres gaitas por un importe total de 1.815 euros, que se incorporarán ao futuro banco de instrumentos.

Deste xeito, o milleiro de alumnos matriculados poderán facer uso dos novos equipamentos que a Escola Municipal de Música poñerá á súa disposición, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades a todos os veciños e veciñas amantes da música.

No que se refire á Escola de Música, a Corporación Municipal amosou o seu apoio unánime á súa continuidade tras unha Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, por tratarse dun servizo altamente demandado e de prestixio para a sociedade luguesa.

Noticias relacionadas