O Concello inclúe novas cláusulas sociais nos contratos públicos municipais para conseguir maior xustiza laboral, ética e ambiental

“Cada Goberno ten que marcar o seu estilo nas accións que desenvolve e nos témolo claro, o noso Goberno non é o do aforro, austeridade ou os mercados, é o Goberno das persoas”, subliñou a Alcaldesa

Coas cláusulas sociais, a entidade local busca mellorar as condicións laborais e salariais dos traballadores, a conciliación da vida familiar e laboral e plans de formación como método de mellora profesional

Contemplan ademais condicións ambientais e criterios como a responsabilidade social das empresas, o impulso do comercio xusto e o obxecto social, que interceda nos colectivos de exclusión social

Martes, 09 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello inclúe novas cláusulas sociais nos contratos públicos municipais para conseguir maior xustiza laboral, ética e ambiental

“A contratación no Concello de Lugo nunca é un fin en si mesmo, senón que é unha potestade xurídica e un verdadeiro mecanismo de cambio social. Defensa das condicións laborais, criterios éticos e ambientais deben prevalecer ademais do aforro económico, nos criterios de investimento municipal porque cremos que é a forma axeitada de investir os fondos públicos”. Así detallou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o novo avance social alcanzado polo Goberno, a implantación de novas cláusulas sociais que rexerán na contratación pública e cuxa instrución será aprobada mañá en Xunta de Goberno Local. Estas sumaranse aos criterios sociais que levaba tempo aplicando o Concello nos procesos de contratación municipais.

“Cada Goberno ten que marcar o seu estilo nas accións que desenvolve e nos témolo claro, o noso goberno non é o do aforro, austeridade ou os mercados, é o Goberno das persoas”, asegurou a rexedora, quen cualificou esta nova instrución como “unha declaración de intencións e un verdadeiro instrumento para conseguir maior xustiza laboral, ética e medioambiental nos sectores económicos privados”.

Ademais, Lara Méndez lembrou que cláusulas sociais na contratación é unha preocupación da Corporación, tal e como se demostrou polo Pleno Municipal, adoptando o acordo de regular un marco reitor nos criterios de contratación por unanimidade na sesión plenaria do pasado novembro de 2015.

Obxectivos das cláusulas sociais

Segundo adiantou a Alcaldesa, estas cláusulas sociais buscan primar tres grandes obxectivos, garantía das condicións laborais, coidado do medio ambiente e a ética na contratación.

1.1 Defensa das condicións laborais dos traballadores

Tanto a lei autonómica como a estatal obriga a puntuar máis a oferta vantaxosa. Coas cláusulas sociais, o Concello introducirá tamén a puntuación de ata un 20% das melloras laborais e salariais con respecto ao Convenio Colectivo. Deste xeito valorará ata un 17,5% a calidade do emprego, un 15% en función do incremento retributivo tanto no salario base como nos complementos salariais, e un 2,5% noutro tipo de condicións que fomenten a conciliación da vida persoal e laboral. O 2,5% restante basearase nos plans de formación para os traballadores, como método de mellora profesional.

“Non só temos que centrarnos en criterios de adxudicación senón que temos que traballar no cumprimento do contrato e é aí onde entra a figura do responsable de contrato que deberá vixiar que, por exemplo, o contratista non poida modificar as condicións salariais, a non ser que sexa de mutuo acordo cos traballadores”, adiantou a Alcaldesa, ao tempo que anunciaba que se pola contra, as empresas e traballadores chegan a acordos de subida salarial, para fomentar esa boa praxe, o Concello aumentará a liquidación mensual para apoiar a subida.

1.2 Criterios medioambientais

O Goberno Municipal non entende o desenvolvemento sen sustentabilidade ambiental e así o ratificou primeiro coa creación da concellería de Desenvolvemento Sostible e logo con cada acción posta en marcha. “Con esta instrución volvemos a ser pioneiros no coidado real da nosa contorna”, manifestou a Alcaldesa mentres daba a coñecer que se establecerán criterios de adxudicación ambientais, desenvolvendo a lexislación europea para aqueles contratos cuxo obxecto sexa a alimentación, a madeira ou os produtos derivados; o papel, os produtos de limpeza, vehículos e maquinaria, así como a subministración de enerxía, combustible ou carburantes. Como exemplo, bonificarase o uso de fibras sustentables, embalaxes feitos con material reciclado, uso de subministración a granel e non individual, así como papel reciclado.

1.3 Criterios éticos

A ética é outro alicerce da contratación e, sobre todo, do uso responsable do diñeiro de todos e todas as lucenses. Por iso, o Concello aplicará unha serie de medidas encamiñadas a condicionar ser beneficiario dunha adxudicación. Por exemplo, en relación ao desempate entre adxudicatarias, dirimirase pola responsabilidade social das empresas, por exemplo aquelas que beneficien a inserción sociolaboral de traballadores con discapacidade. Ademais, potenciarase o comercio xusto, que tamén é un acordo plenario, esixindo, por exemplo, ás concesionarias das cafeterías en centros municipais que se oferten este tipo de produtos. Por último, tamén se creará un novo tipo de obxecto do contrato, o obxecto social, que interceda nos colectivos de exclusión social, licitando como obxecto de contrato non só o arranxo dunha rúa ou a concesión dun servizo, senón a inserción laboral de persoas con diversidade funcional ou maiores de 55 anos.

“Con esta nova instrución en materia de contratación, situámonos á vangarda social, vangarda que posuímos noutros aspectos como son a porcentaxe de orzamento destinado ao investimento social”, concluíu a Alcaldesa, quen reafirmou que “este Goberno sempre buscou ser o goberno das persoas, dos e as lucenses e por tanto, a partir da celebración da Xunta de Goberno de mañá, situaremos á persoa como centro tamén da contratación municipal”.  

Audio

  • Lara Méndez, sobre as novas cláusulas sociais nos contratos públicos municipais |Descargar mp3

Noticias relacionadas