O Concello impulsa un ano máis actividades para promover a mocidade activa

Carmen Basadre presentou a nova programación, dirixida a mozas e mozos de 14 a 35 anos, que se desenvolverá dende o 29 de xaneiro ao 9 de xuño na Casa da Xuventude

As persoas interesadas poden inscribirse xa na Casa da Xuventude. O prazo de inscrición, que é diferente para cada actividade, pode consultarse en www.lugo.gal, no 010 ou na propia Casa da Xuventude

Entre as actividades programadas polo Concello figuran, como novidades, a de aprender idiomas e coñecer novas culturas a través de conversas, o Boot Camp ou un curso de sublimación

As alternativas de cociña volven ter oco na programación, así como un curso de monitor de tempo libre e un taller de educación afectivo-sexual. Tamén se manteñen outras como a preparación do first, pilates, zumba, ioga ou baile latino

Andainas, teatro e cursos de Dj Dixital, de iniciación de Rekordbox e de técnicas de gravación completan a programación para os primeiros seis meses do ano, que tamén inclúe unha viaxe á neve o 3 de febreiro

Luns, 22 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello impulsa un ano máis actividades para promover a mocidade activa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, vén de presentar este luns, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a nova programación posta en marcha pola entidade local para promover a mocidade activa. Trátase de distintas alternativas, para mozos e mozas de 14 a 35 anos, que se desenvolverán dende o 29 de xaneiro ao 9 de xuño na Casa da Xuventude.

Entre as actividades programadas polo Concello figuran, como novidades, a de aprender idiomas e coñecer novas culturas a través de conversas, o Boot Camp, unha disciplina deportiva que se fundamenta nas prácticas de base dos entrenamentos militares, solicitada por anteriores persoas participantes; ou un curso de sublimación. O Concello tamén mantén actividades de gran participación en edicións anteriores, como a preparación do first e first intensivo, pilates, zumba, ioga, baile latino ou capoeira.

As alternativas de cociña volven ter oco nesta programación, con alternativas como cociña de culler, cociñando culturas ou repostería. Un curso de monitor de tempo libre e un taller de educación afectivo-sexual para a prevención da infección por VIH completan esta programación para os primeiros seis meses do ano.

As persoas interesadas poden inscribirse xa na Casa da Xuventude. O prazo de inscrición, que é diferente para cada actividade, pode consultarse en www.lugo.gal, no 010 ou na propia Casa da Xuventude.

Ruteando

De febreiro a maio, o Concello tamén ofrecerá aos mozos e mozas a posibilidade de realizar distintas rutas, que se farán cun mínimo de 12 persoas. As andainas escollidas serán a da Costa do Vicedo, pola costa, dende a praia de Area Grande ata a praia do Vidreiro; a do Canón do Río Mao, dende a fábrica da luz; a do Ouro-Camiño Real, dende Margaride, en Quiroga; e a Quinta da Cancelada, pola Serra dos Ancares. A lonxitude das rutas varía dende os 11 aos 25 quilómetros.

Para o 3 de febreiro está prevista unha viaxe á neve a Leitariegos. A saída é ás 07:00 horas da Casa da Xuventude e a chegada ás 22:00 horas. Hai un total de 22 prazas, para mozos e mozas de 18 a 35 anos, que se cubrirán por orde de inscrición, que se fará no 010.

Casa da Música

Outro dos espazos escollidos para celebrar actividades para a mocidade activa é a Casa da Música, onde terá lugar un curso de iniciación Dj Dixital, de iniciación de Rekordbox e de técnicas de gravación. Será a partir do 20 de febreiro e ao longo de marzo e abril.

Xoves de teatro

Para o xoves 8 de febreiro, o Concello ten programado a representación de Solo, no Vello Cárcere, a partir das 20:30 horas. Trátase duha obra chea de sentimentos, confesións, engaños e bágoas, pero sobre, todo chea de amor, representanda pola Asociación Cultural Sólo Teatro de Ourense. A entrada é libre ata completar aforo.

Un mes despois, o 8 de marzo, o Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá a obra Cinco mulleres que comen tortilla, a cargo da Compañía Señora Supina. O prezo é de 3 euros e as entradas poderán adquirirse a través de www.entradaslugo.es ou no propio auditorio unha hora antes do comezo do espectáculo. Esta obra é unha comedia delirante e enxeñosa. A liberdade, o feminismo, as moralidades e o medo ao descoñecido son os motores desta exitosa comedia internacional.

Asesorías xuvenís

Carmen Basadre aproveitou a presentación desta programación para lembrar os horarios das asesorías xuvenís xurídica e psicolóxica qu eo Concello ten en marcha no terceiro andar do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra. A xurídica funcionará os luns e mércores, de 19:30 a 21:00 horas, e a psicolóxica, os martes e venres, de 18:00 a 20:00 horas. Así mesmo, a edil recordou a programación qeu ten lugar nas Casas das Linguas e o servizo que que presenta a entidade local dende Prevención de Drogas.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre as actividades para promover a mocidade activa | Descargar mp3

Documento

Noticias relacionadas