O Concello impulsa nas Gándaras unha plantación única, con 55 especies de árbores representativas dos bosques de toda Galicia

O deseño da plantación, que contará con medio milleiro de exemplares nunha superficie de 5 hectáreas, permitirá que en cada estación do ano a parcela luza unha composición cromática distinta

A Xunta de Goberno aprobou o proxecto, enmarcado no plan Lugo+Biodinámico, cofinanciado por fondos europeos Life e o Concello. A USC encargarase de acometer os traballos, que comezarán de inmediato

Mércores, 29 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Todos os bosques de Galicia nunha soa parcela. Isto é o que permitirá a nova actuación do plan Lugo+Biodinámico, cofinanciado con fondos europeos Life e o Concello, que aprobou este mércores a Xunta de Goberno, tal e como informou o voceiro municipal, Miguel Fernández. Trátase dun proxecto pioneiro que consiste na plantación de 55 especies distintas de árbores e arbustos autóctonos, representativas de todos os bosques de Galicia, nunha parcela pública das Gándaras de 5 hectáreas de superficie.

O deseño deste arboretum, que constará de medio milleiro de exemplares, permitirá que en cada estación do ano a parcela luza unha composición cromática distinta. Para conseguilo, cada exemplar plantarase con xeolocalización para conseguir a situación exacta.

Deste xeito, o proxecto creará un espazo de divulgación e participación aberto de maneira libre e gratuíta á comunidade educativa e científica e á sociedade lucense en xeral que permitirá achegarse aos hábitats máis representativos de Galicia.

A dirección dos traballos, que conta cun orzamento de 49.000€, correrá a cargo do catedrático da Escola Politécnica Antonio Rigueiro e, unha vez aprobados hoxe na Xunta de Goberno, poderán comezar de maneira inmediata.

Con esta novidosa acción, e en xeral coas medidas incluídas no plan Lugo+Biodinámico, o concello sitúase á vangarda da planificación urbana sostible e dun mellor aproveitamento forestal, o que aumentará a calidade de vida dos veciños e abrirá novas oportunidades económicas.

Lugo+Biodinámico conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros, achegados nun 50% polo plan Life e noutro 50% polo Concello, Deputación, Universidade de Santiago e Universidade Politécnica de Madrid. O obxectivo é desenvolver novidosas actuacións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental, o que mellorará a calidade de vida dos veciños, fará de Lugo unha cidade máis verde e abrirá novas oportunidades económicas aproveitando a madeira como elemento estrutural construtivo.

A plantación de 55 especies árboreas representativas de todos os bosques de Galicia súmase a outras iniciativas xa acometidas ou iniciadas no marco deste proxecto, como son a plantación de frondosas autóctonas e especies de alta rendibilidade enerxéticae a creación dun souto de castiñeiros autóctonos. Todas estas actuacións acométense en terreos públicos situados nas Gándaras e O Ceao.

Recadación

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou sacar a licitación o contrato de colaboración coa xestión recadatoria municipal en período executivo e coa xestión administrativa e recadación das multas de tráfico en período voluntario e executivo. O prazo do contrato, cun importe anual de 2,2 millóns de euros, é dun ano, con posibilidade de prórroga por outro. En todo caso, a finalización do mesmo quedará pendente e vinculada ao momento no que se atopen preparados todos os medios necesarios para que o servizo de recadación executiva sexa prestado completamente desde a Tesourería Municipal, en cumprimento do acordo plenario do pasado mes de febreiro. Deste xeito, se isto acontecese antes do vencemento do contrato, este quedará resolto sen indemnización algunha ao adxudicatario.

Convocatoria de novas prazas

Na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou as bases para o acceso en propiedade a dúas prazas de educadora social correspondentes á Oferta de Emprego Público de 2015. Súmanse ás 39 pertencentes ao cadro de persoal funcionario ou laboral do Concello cuxas bases se aprobaron na Xunta de Goberno da pasada semana.

En materia de persoal, tamén saíron adiante as bases do proceso selectivo para a elaboración dunha lista destinada á cobertura interina de prazas de funcionario na categoría de oficial mecánico conductor.

Outro dos asuntos acordados polo Executivo municipal na reunión de hoxe foi a encomenda de xestión a EVISLUSA da elaboración do proxecto para rehabilitar de maneira subsidiaria o edificio número 4 do Recanto do Miño, dado que os posibles herdeiros renunciaron á propiedade do inmoble.

Así mesmo, deuse luz verde á incoación dun expediente sancionador por incumprimentos contractuais á empresa adxudicataria da prestación integral das actividades de animación sociocultural nos centros de convivencia municipais, Serviplus, por, segundo os informes dos técnicos do Concello, non presentar o preceptivo plan de traballo e por falta de rigor en canto á presencia dos traballadores no seu posto. Do expediente derivaranse as responsabilidade correspondentes, podendo resultar nunha falta grave sancionda con entre 301 e 900 euros.

Con respecto a urbanismo, a Xunta de Goberno tomou razón de dúas sentenzas xudiciais que ratifican a denegación de sendas licencias por parte do Concello, unha para a instalación dunha estación base de telefonía móbil na estrada de Santiago por ser visible dende a vía pública ao non estar integrada no edificio, e outra para a construción dun edificio de vivendas na rúa Escultor Asorey por incumprir a normativa urbanística.

Audio

Noticias relacionadas