O Concello fomenta o emprendemento empresarial a través dunha xornada informativa no CEI-Nodus

Ana Prieto e Úrsula Pérez presentaron esta iniciativa, que terá lugar o vindeiro 12 de xuño ás 11:00 horas na aula de formación do CEI Nodus

A edil destacou que esta cita “ofrecerá a máis de 30 negocios financiamento, asesoramento para por en marcha o proxecto e un plan de marketing e publicidade”

Luns, 04 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello fomenta o emprendemento empresarial a través dunha xornada informativa no CEI-Nodus

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto e a mentora do programa Coworking da EOI, Úrsula Pérez, presentaron este luns, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, Móntao Lugo, unha xornada informativa que terá lugar o vindeiro 12 de xuño, ás 11:00 horas, na aula de formación do CEI-Nodus. Trátase dunha cita que pretende achegar ás persoas participantes as claves para emprender un negocio empresarial a través dunha franquicia.

Durante o acto de presentación, Ana Prieto sinalou que “dende o Concello colaboramos con esta proposta do Grupo PSG, unha prestixiosa consultora de investimento, pois aposta pola creación do emprego a través do fomento do emprendemento. Esta iniciativa, Móntao, ofrecerá a máis de 30 negocios financiamento, asesoramento para pór en marcha o proxecto e un plan de marketing e publicidade”.

Esta xornada desenvolverase en tres partes: unha conferencia sobre as dez claves para investir e emprender con éxito en Lugo, impartida polo presidente e fundador do Grupo PGS, Pablo Gimeno; a continuación, poñencia sobre investimento en franquicias rendibles e como franquiciar un negocio, e, por último, unha sesión de networking na que os e as participantes compartirán información e coñecementos para desenvolver ou mellorar oportunidades de negocio.

Nesta liña, a edil destacou que “damos un paso máis a favor da creación de emprego, un dos piares da nosa acción política á que destinamos máis de tres millóns de euros no Orzamento deste 2018. Ademais do programa Inicia Coworking, a día de hoxe temos en marcha o Plan Empregalia, con máis de 100 beneficiarios e o obradoiro de emprego TIC Arqueolóxico”.

Máis información en www.lugo.gal ou no teléfono de información cidadá 010.

Audio

Noticias relacionadas