O Concello fai entrega das chaves das vivendas da Casa Domótica

Luns, 02 de xaneiro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, informou da entrega das chaves aos inquilinos das vivendas domóticas, polo que ao longo desta semana se irán asinando os contratos. O Concello de Lugo, vai ceder o uso de tres das cinco vivendas en réxime de alugamento a persoas que cumpriron cos requisitos esixidos na convocatoria entre os que destacaban o de acreditar unha necesidade de vivenda, insuficiencia de recursos económicos, ter recoñecida un grado de discapacidade permanente igual ou superior ó 33% e contar con mobilidade reducida.

Ana González Abelleira lembrou que “o Concello de Lugo é consciente das dificultades de integración coas que se atopan as persoas con discapacidade, polo que se levan desenvolvendo distintas accións para promover que este colectivo poida levar unha vida máis independente e autónoma.” Así, dende a entidade municipal, co obxectivo de facilitar o acceso a unha vivenda adaptada promoveu á construción dun edificio destinado a este uso para o que se contou coa colaboración das asociacións AUXILIA e COGAMI, que deron a coñecer as necesidades das persoas con discapacidade física e mobilidade reducida e que deron consellos para a elaboración das bases da convocatoria.

Cada unha das vivendas ten unha superficie total de 88,70 metros cadrados, ten dúas habitacións, unha das cales ten capacidade para dúas persoas en cama dobre de 1,50 metros e para mobiliario alternativo, amplo corredor adaptado para facilitar o xiro das persoas con mobilidade reducida, tendedeiro adaptado e cociña con mobiliario móbil patentado e adaptado a diversas discapacidades e cuarto de baño adaptado.

Os contratos de alugamento terán unha duración de dous anos a contar dende o día da súa sinatura e prorrogaranse anualmente ata acadar unha duración total de 5 anos. O prezo do aluguer calculouse en función dos ingresos que posúen as persoas que resultaron adxudicatarias dos contratos e oscilan dende os 156 ata os 191 euros mensuais.

Noticias relacionadas