O Concello estenderá o viveiro da Tinería aos locais que reciba trala recuperación do Pazo de Dona Urraca e a súa contorna

A alcaldesa de Lugo e a conselleira de Medio Ambiente asinaban esta mañá o protocolo de actuación para materializar o proxecto

Segundo Lara Méndez, “este é un exemplo de traballo entre Administracións que, poñendo en valor os puntos converxentes, respectan o poder de decisión que cada unha ten sobre os bens que son da súa titularidade”

A rexeneración da zona, que obrigará a modificar o Pepri, recolle tamén criterios de sustentabilidade, “para que Lugo siga a ser referente en actuacións medioambientais sostibles”, destacou a rexedora

Luns, 23 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello estenderá o viveiro da Tinería aos locais que reciba trala recuperación do Pazo de Dona Urraca e a súa contorna

Concello e Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) asinaban hoxe o protocolo de actuación entrámbalas dúas entidades para recuperar o Pazo de Dona Urraca e os espazos lindeiros.

A alcaldesa, Lara Méndez, e a conselleira de Medioambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, oficializaban esta mañá o acordo ao que a rexedora se referiu como “un exemplo de traballo entre Administracións que poñen en valor os puntos converxentes e procuran o ben común, o que parte tanto da consideración polo papel que executa cada unha, como do respecto mutuo polo poder de decisión que a cada unha lle concerne sobre os bens que son da súa titularidade”.

Tras varios meses de negociación, o convenio inclúe, como compromisos do organismo dependente da Xunta, a redacción e solicitude dos proxectos das obras de demolición, rehabilitación e nova construción das edificacións que se inclúen no espazo da actuación, así como a urbanización da mesma na súa totalidade. Ademais formulará e executará o proxecto de escavación arqueolóxica, que deberá levarse a cabo como paso previo a calquera outra actuación e que quedará ao diposto das determinacións de Patrimonio.

Pola súa parte, o Concello acadará a titularidade de tres edificacións sitas na rúa Falcón próximas á Muralla, así como de dous anexos de dúas vivendas lindeiras ao Pazo de Dona Urraca, para que se incorporen ao resto de soares da unidade UI8 que xa son titularidade do IGVS co fin de favorecer un mellor desenvolvemento da zona.

“Así mesmo, comprometémonos a modificar o PEPRI (Plan Especial de Protección e Reforma Interior) para variar este ámbito de actuación, o que faremos utilizando a vía máis áxil, que introduce a Lei de Rehabilitación que entrou en vigor en agosto de 2019 e que usaremos por vez primeira en Lugo”, lembrou a rexedora.

A cambio, o retorno do investimento local e dos dereitos de edificabilidade que lle corresponden ao Concello, por tratarse dunha actuación en solo urbano non consolidado, será a entrega, en baixos comerciais, dunha superficie equivalente ao 10% da edificabilidade de uso residencial que se materialice.

“A nosa intención – aclarou Lara Méndez - é destinalos a darlle continuidade ao viveiro a pé de rúa da Tinería xa que unha das nosas preocupacións, e máis neste enclave con tanto potencial pola súa ubicación próxima aos tres Patrimonios da Humanidade e na que estamos a desenvolver un plan de dinamización económico e social, é evitar a especulación e poñer en valor un barrio con moitísima proxección”, sinalou.

A alcaldesa destacou que o “obxectivo das dúas Administracións é favorecer o desenvolvemento da contorna desta unidade de actuación, que pola súa estratéxica situación, no barrio da Tinería, e polo inmoble principal que se rehabilitará - un pazo emblemático do século XVIII - debe facerse evitando actuacións agresivas e que posibiliten a mobilidade da zona o que tamén levou ao IGVS a asumir a redución de edificabilidade dos seus terreos co obxectivo de incrementar a superficie dos espazos públicos e garantir a preeminencia da presenza do Pazo”. O acordo, incidiu, “permitirá transformar unha parte da cidade cun gran impacto visual desde a Muralla”.

Pola súa banda, o responsable de Urbanismo Sostible, indicou que neste protocolo se introducirán criterios de perspectiva feminina e sustentabilidade, seguindo a axenda 2020 e as solucións urbanas do catálogo elaborado polo Concello no marco da estratexia LIFE “para que Lugo siga a ser referente en actuacións medioambientais sostibles”.

Miguel Couto explicou, asemade, que o convenio, que terá unha duración de catro anos, prorrogable por outros catro, “recolle a creación dunha comisión de seguimento do mesmo, integrada por un responsable de cada unha das partes asinantes, que se encargarán da proposición de accións, do seu desenvolvemento e da avaliación dos resultados das actuacións executadas”, concluíu.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a sinatura do Protocolo do Pazo de Dona Urraca| Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello estenderá o viveiro da Tinería aos locais que reciba trala recuperación do Pazo de Dona Urraca e a súa contorna

Noticias relacionadas