O Concello establece un plan de tráfico para garantir a seguridade durante a Cabalgata de Reis

Carmen Basadre informou deste plan para o percorrido que realizarán as Maxestades de Oriente pola cidade, que partirá o 5 de xaneiro, ás 17:00 horas, do Parque da Milagrosa

Venres, 30 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, informou do plan de tráfico que levará a cabo o Concello para garantir a seguridade durante o percorrido da tradicional Cabalgata de Reis, que contará con algunhas novidades e que partirá o 5 de xaneiro, ás 17:00 horas, do Parque da Milagrosa.

Nesta ocasión a Cabalgata contará con 5 carrozas, as tres das Maxestades de Oriente e dous carruseis infantís, ademais de diferentes representacións teatrais e actuacións musicais, que percorrerán a rúa Monte Faro, a avenida da Coruña, a Porta de San Fernando, a Praza de Ferrol, a rúa Bolaño Rivadeneira, a rúa Quiroga Ballesteros, a praza de Santo Domingo, a rúa Raíña e finalizarán na praza Maior, onde está prevista a súa chegada sobre as 18:00 horas.

Este ano, os Reis seguidos pola comitiva, paxes e carruseis apearanse das carrozas na praza de Santo Domingo, onde terá lugar unha representación, e posteriormente farán a pé o resto do percorrido ata a Casa do Concello, onde será recibidos pola Alcaldesa, Lara Méndez, acompañada por outros membros da Corporación Municipal, quen dará a benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar. A continuación, os Reis Magos dirixiranse a todos os lucenses e visitantes congregados na Praza Maior dende o balcón do Consistorio. Para finalizar, recibirán a todos os nenos e nenas que queiran trasladarlles as súas peticións.

A entidade local ten previsto un plan de tráfico, establecendo que en todos os casos o tránsito das carrozas e da comitiva polas distintas vías fará que a circulación de vehículos no momento do seu paso, se considere pechada ao tráfico, polo que por parte da Policía Local realizaranse os correspondentes acompañamentos, cortes de tráfico e desvíos alternativos polas rúas adxacentes.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o plan de tráfico durante a Cabalgata de Reis |Descargar mp3

Noticias relacionadas